lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

Vai rañala, Robert Browing!

A PESARES DO que di o título desta peza, eu non lle teño xenreira a Robert Browning. Non é un poeta moi coñecido en España pero hai moito que conseguín apreciar a súa obra meirande, uns monólogos dramáticos en verso entre os que hai que salientar o dedicado ao trobador provenzal Sordello.

Así comeza o segundos dos Cantos de Ezra Pound, quizais a obra transcendental da poesía contemporánea, aínda que un chisco escurecida pola peripecia vital do autor. Pound naceu en Idaho cando aquel territorio non era nin sequera parte dos Estados Unidos. Enfeitizado tras unha visita de rapaz a Europa, regresou en canto puido para quedar en Italia... e alí rematou por se atopar co seu destino. As doutrinas de Mussolini apareceron como algo similar ao seu socialismo corporativo —que en realidade tiña ben pouco de socialismo—. Apoiou ao fascismo durante a Segunda Guerra Mundial, rematou o conflito engaiolado nun campo de concentración preto de Pisa, librou da cadea perpetua ao quedar declarado tolo e só saíu do cárcere grazas á campaña organizada na súa vellez por escritores coma Hemingway. Nada máis poñer o pé de volta en Nápoles o primeiro que fixo foi o saúdo fascista. Todo en orde.

Chega agora ás librarías españolas unha nova edición da magna obra de Ezra Pound da man da editorial Sexto Piso, que a anunciara hai xa moitos meses e nos deixara orfos aos impacientes lectores do xenio veneciano. Traduce o escritor arxentino Jan de Jager e paga a pena recoñecer o seu excepcional traballo, xa que de todos é sabido que estamos ante unha obra que Pound precisou unha vida para escribir e na que verteu o seu néctar poético con toda profusión, ata o punto de superar o milleiro de páxinas cheas de escuras referencias.

Porén, hai que sinalar que non estamos ante a edición de referencia en español da obra: esa honra queda para a bilingüe e anotada de Javier Coy. O feito de que de Jager e a editorial decidisen presentar limpo o texto poundiano ten a clara consecuencia de que para desfrutalo o lector terá que ter certos coñecementos previos ou unha grande paciencia para pescudar todo aquilo que o vate tenta agochar.

Pound tiña a autoridade para mandar a paseo a un xenio como Robert Browning, xa que como dixo T.S. Eliot el era "o mellor artesán". Podería eu entrar aquí a comentarlles en profundidade as múltiples interpretacións dos Cantos, sobre todo aquela que presenta máis consenso para a crítica: para Pound a raíz de todos os males eran a banca e os banqueiros, creadores da usura na Italia do Renacemento, e o seu libro non é máis nin menos ca unha ilustración desa decadencia.

Pero quizais o mellor xeito de ler o libro sexa sen atender demasiado ao seu contido. Pound quixo crear unha comedia dantesca da modernidade. Só podía ser fragmentaria, xa que ninguén podía aspirar ao coñecemento e o xuízo absolutos nos anos 30. Nesa vertixe creativa revolucionou a linguaxe poética a través do imaxinismo, cuns recursos estilísticos que se van complicando cada vez máis ata que, cando chegamos aos Cantos pisanos, fortemente influídos pola lírica chinesa que Pound descubrira grazas ao erudito de orixe española Ernest Fenollosa, non podemos máis que admirar a intensidade daquilo que entendemos e continuar coa lectura do que fuxe do noso control. Ao cabo, o pastiche está na esencia mesma dos Cantos e da súa duradeira influencia, renovada cunha edición saudada como un dos acontecementos poéticos da temporada en España.

Vai rañala, Robert Browing!
Comentarios