Vidas de santos

Juan Carlos I, nunha recepción en Rabat /EFE

A ARTE da biografía política é sempre complexa, máis cando o personaxe ao que se dedica está vivo. Nin o autor nin o lector poden saber se o que len se corresponde coa realidade factual, pois a comunicación mediada que é propia da literatura pode deixar un ensaio desfasado en calquera intre. É por isto que debería impoñerse certa precaución na escrita sobre persoas vivas, algo que contrasta coa demanda de información do público sobre certos persoeiros e cos beneficios que os libros sobre eles poden dar ás editoriais.

O rei emérito, Juan Carlos I, xa pasou por este proceso como personaxe en varias ocasións —por exemplo, os libros de Vilallonga e Paul Preston—, e agora volve facelo por duplicado. Non interesan nesta columna as memorias que lle escribiu L. Debray, coñecida pola súa devoción sicofántica ao monarca, senón unha obra máis seria e documentada, tamén máis hábil no seu obxectivo. Trátase de ‘El rey Juan Carlos I y la proyección exterior de España’, groso volume obra do prestixioso historiador inglés Charles Powell, quen xa escribiu noutras ocasións sobre o gobernante e quen dirixe o Real Instituto Elcano. Publica Galaxia Gutenberg e temos que anotar que o texto da cuberta non lle fai moito favor a Powell, xa que dirixe en exceso a opinión do lector para unha obra que é moito máis matizada do que alí se indica.

Malia os moi hábiles intentos de agochalo, Powell desexaba escribir unha obra positiva sobre un político ao que, obviamente para o lector, admira. A escolla do seu obxecto de estudo é magnífica para cumprir con esa meta. Arestora xa é moi difícil defender a tarefa interior de Juan Carlos I polos seus escándalos éticos e económicos —estes imposíbeis de resolver grazas á protección constitucional da que goza a súa figura—, da que renega o seu propio fillo e actual rei e que levou ao emérito a un exilio dourado nos Emiratos Árabes Unidos. Porén, as súas misións exteriores en intres ben complicados para a diplomacia española admiten unha análise máis benévola —malia que tamén estean manchadas polo cobro de cartos, neste caso non propios do contribuínte español, polo que se ven con certa distancia—.

O proxecto sae ben porque Charles Powell é un verdadeiro profesional da historia. En primeiro lugar, a estrutura do libro é moi intuitiva: tras unha introdución coa formación do daquela príncipe no exilio e durante o franquismo, cada capítulo está dedicado a Juan Carlos e cadanseu presidente do goberno. En segundo termo, Powell demostra ser un excelente prosista —que ademais axudou á tradución do orixinal inglés—, polo que a lectura é amena dado o tema —aínda que algo repetitiva pola tendencia ao repaso xeográfico case país por país—. En terceira instancia, porque o manexo de documentación do autor foi exhaustivo, tal e como se recolle nas abondosas notas a rodapé, moitas delas referidas a documentos desclasificados dos Estados Unidos, de sinxelo acceso pero complicado proceso polo seu volume.

E malia isto, a sensación ao chegar ao final do libro é que hai demasiado esforzo en salvar o monarca e presentalo coma un santo, malia o recoñecemento das súas imperfeccións. Powell non evita temas espiñentos e mesmo critica comisións e outros abusos, pero conclúe que eses pecados son menores, que os españois debemos coñecer e recoñecer a traxectoria do seu protagonista e, aínda máis, que a monarquía parlamentaria é a forma de goberno ideal, algo no que moitos dos seus lectores, entre eles este crítico, non estarán dacordo.