Opinión

Xa non neva como nevaba

DÁ O MESMO que nos atopemos cun descoñecido no ascensor, coa persoa que nos pon o café, cun familiar ou cun compañeiro de traballo: imos falar do tempo.

Os lingüistas e en especial os estudosos da Pragmática, a ciencia que estuda os actos de comunicación, dedicaron décadas a investigar por que sucede isto e chegaron á conclusión de que falar do tempo é algo practicamente universal: un tema do que sempre hai algo que dicir, no que é case que imposíbel ser descortés co interlocutor e que tende a xerar empatía polo feito de que as persoas compartan os rigores do clima.
Se nos achegamos á realidade galega, o tópico no inverno ten unha variación particular: xa non neva como nevaba e os invernos non son coma antes. O tema resulta cómodo porque o cambio climático está na axenda pública –e para quedar durante moito tempo, semella– e porque non fai falla ser un experto estatístico para constatar que a neve leva unha década moi pouco presente mesmo en vilas como Becerreá cando nos 80 e os 90 tinguiu de branco as nosas infancias e mocidades.

Este tópico podíase converter en libro e así o fixo o ensaísta alemán Berd Brunner en Cuando los inviernos eran inviernos, historia da estación invernal a medio camiño da climatoloxía e a cultura que publica a editorial Acantilado.

É inevitábel xa que as diferentes tecnoloxías de calefacción e vestimenta mudaron por completo a percepción da estación.


O ensaio parte dun presuposto difícil de negar: os seres humanos, por herdanza das nosas orixes etíopes ou keniatas, temos unha clara preferencia pola calor e tendemos a fuxir do frío. Asociamos este á desaparición das plantas —que murchan— e dos animais —que hibernan— e, simbolicamente, á nosa propia desaparición co frío da morte. Pero a pesares de todo isto hai culturas que se desenvolveron no frío, como a galega, e outras no máis cru inverno, con metros de neve e temperaturas moi por debaixo dos cero grados.

Con este punto de partida, Brunner repasa os elementos principais da estación invernal: os seus trazos característicos, o feito de que estea fortemente asociado aos prognósticos e vaticinios, a percepción del en lugares nos que non é tan rigoroso, as economías do frío, os deportes invernais e os inevitábeis récords.
En case que todos os episodios a narración contrapón con acerto o pasado e o presente. É inevitábel xa que as diferentes tecnoloxías de calefacción e vestimenta mudaron por completo a percepción da estación. Nas economías de subsistencia, o inverno era o principal inimigo: un ano podre podía matar as colleitas e un ano frío ás persoas e pouco había que facer para loitar con esta fatalidade; na actualidade, algúns podémonos preferir o inverno, coa neve e a escuridade se pode ser, conscientes de que a nosa elección non pon en risco a nosa vida grazas ao gas e as roupas quentes e baratas.

Sobre todo o libro, escrito por certo cunha amenidade admirábel, flota un sentimento moi invernal por certo: o da saudade. Brunner bota a faltar as duras friaxes da Alemaña do século XX, pero non se trata da morriña daquel que en realidade o que desexa é volver a ser novo, senón dunha sensación amarga sen caer no apocalíptico: a de que é posíbel que por culpa da man do home non voltemos a ter invernos deste tipo, o que conduciría non só á desaparición de toda unha cultura peculiar —a que el ilustra— senón tamén a unha modificacións transcendental das nosas condicións de vida. Na práctica regresariamos —quizais esteamos a regresar— ás nosas orixes tropicais, nas que non existían as catro estacións europeas, senón só a seca e a húmida.

Comentarios