Opinión

Xente rara

undefined

EU SON COMA vostedes. Ben, supoño que non exactamente. Como poden ver na fotografía que acompaña este artigo, levo lentes —quizais vostedes ven ben—; non teño pelo, e vostedes, si; escribo artigos de literatura nun xornal, e vostedes ao mellor, non. Pero somos esencialmente iguais.

Todos vivimos nunha sociedade occidental, organizada arestora segundo os principios da globalización, o que permite que vivamos en esencia igual en Lugo, en Nova York ou en Budapest. Somos persoas con estudos, xa que o analfabetismo está case que erradicado na Galiza. Vivimos nunha sociedade industrializada, na que hai unha transformación das materias primas e é posíbel obter a maior parte dos bens no comercio. Somos adiñeirados, posto que España, como país, ocupa un dos lugares máis altos en calquera índice económico e de benestar que se consulte —mesmo as persoas en risco de pobreza teñen sistemas de protección impensábeis en boa parte do mundo—. Por último, vivimos nunha democracia na que podemos elixir os nosos representantes políticos e cambialos cada certo tempo.

O acrónimo en inglés destas cinco palabras —occidental, educado, industrializado, adiñeirado e democrático— é weird, que podemos traducir como raro. E así se titula orixinalmente un monumental ensaio de Joseph Henrich que agora traduce Capitán Swing como Las personas más raras del mundo.

O libro de Henrich pode lerse coma unha xigantesca impugnación do etnocentrismo. Como habitantes do Occidente próspero tendemos a pensar que o noso modo de vida é maioritario e desexábel para todas as demais sociedades. A realidade é ben distinta: unha grande porcentaxe dos xa 8.000 millóns de seres humanos que poboan o planeta viven en sociedades distintas e Occidente só chegou a ser tan estraño no último século —medio século, precisamente, en lugares como a Galiza—.

Dito isto, o noso horizonte de expectativas viuse un chisco quebrado na lectura. Un agardaba unha explicación histórica sobre a evolución das sociedades occidentais e unha exposición sociolóxica sobre o actual estado de cousas, sobre aqueles trazos que, verdadeiramente, converten aos occidentais do século XXI nas persoas psicoloxicamente máis peculiares e economicamente máis prósperas de todos os tempos.

Nada disto sucede, xa que Henrich opta máis ben pola análise antropolóxica —con experimentos de interese e moi actualizados— das sociedades que non son occidentais, o que por descarte define a estas. Ao asunto, bardante isto, non lle falta interese, xa que as antigas formas de comportamento proxéctanse na actualidade.

Quizais o experimento máis espectacular ten que ver con Nova York e as delegacións da Onu. Durante anos os diplomáticos estiveron exentos de pagar as multas de tráfico na megaurbe. En 2002 o concello cambiou a norma e comezou a retirar os seus coches e impoñer sancións. Dous investigadores usaron os cinco anos seguintes para comprobar unha hipótese: había relación entre os niveis de corrupción do país orixinal e as multas dende 2002? A resposta foi clara: si. Os europeos occidentais acumularon o menor número de sancións —cero, no caso de países coma Suecia— e a corrupción en orixe impúxose como variábel decisiva, por riba dos ingresos dos diplomáticos ou o tamaño da súa delegación.

En resumo, somos xente rara pero con éxito na evolución social. Quizais a poligamia ou a desconfianza nos estraños estean máis estendidas polo mundo adiante, mais os usos e costumes europeos trouxeron a prosperidade. Porén, Henrich nunca dá os saltos decisivos, os que non se poden dar: afirmar que esta superioridade é unha razón pola que os europeos debemos impoñer todas as nosas formas de vida a outros pobos e, no outro extremo, caer no relativismo de afirmar que toda intolerancia está ben se funciona consonte aos usos dunha sociedade concreta.

Comentarios