sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

As mans do pianista

ESTE DIRECTOR de orquestra arxentino-isreaelí ten outras dúas nacionalidades: española e palestina. Como a música é linguaxe universal, un músico xenial con tantas raíces tamén é cidadán dun mundo sen fronteiras. Daniel Barenboim.

Durante anos dirixiu a que foi considerada a mellor orquestra do mundo, a de Chicago. Tamén é pianista e ademais, ben capaz de reflexionar en voz alta sobre música, política, cultura, sobre os problemas en carne viva da época que lle tocou vivir. Esta.

E así, como xudeu reflexiona sobra a perda de humanidade en Israel, fenómeno notable deste pequeno pobo protagonista de éxodos, diásporas, martirios que agora esqueceu o seu papel de vítima. Como cidadán do mundo lamenta a perda de humanismo nos puntos quentes do planeta, e nos lugares mornos desde onde se dirixe o arquestra do poder. A Barenboim preocúpalle a falta de pensamento. Ou que se confunda a esmorecente educación coa inundación de noticias, informacións e deformacións que chegan por redes sociais e pantallas en tal cantidade que resulta complicado procesar, organizar, priorizar.

Por iso, por esta falta de educación, vivimos nunha época que mestura a extrema intelixencia coa extrema estupidez. Uns poucos, unha élite co inmenso poder da información, coloniza a maioría dos cerebros do planeta.

A música, fermosa amálgama de razón e emocións, fainos mellores. Pero desde o alto do escenario apenas ve mocidade nos seus concertos de música culta. Semella que a música clásica non engancha aos máis novos. E iso que escolas de música e conservatorios están cheos de rapazada. Seguramente un freo económico impide asistir aos concertos. A cultura é moi cara pero a ignorancia non se pode pagar. Por iso é un dexastre perder a vida musical nun mundo dominado polo ruído e polas novas invasións dos bárbaros.

Éche unha traxedia xigantesca o que está a pasar na educación, e de como a parte humanística, as artes, a filosofía, a música, van desaparecendo do currículo. Recibimos moita información, reflexiona Barenboim, pero retrocede a educación que outorga a capacidade de procesar a avalancha de datos e noticias que recibimos. Aprender a pensar é sempre tarefa urxente, sempre inacabada e inacabable.

Trátase de recuperar a música, a disciplina, o traballo en equipo. Recuperar a maxia do espectáculo, a capacidade de sorpresa, os ollos do neno que non cansan nunca de admirar. Recuperar o valor da escoita e do silencio, é dicir, a capacidade de pensar, de degustar a beleza dos sons, a repugnancia polo ruído. Nada hai tan gris e tan triste como un mundo sen as cores vivas e excitantes da música que nos agasalla cunha soa guitarra, un cuarteto de vento, unha voz anónima, unha gran orquestra sinfónica. Ou as mans dun pianista.

As mans do pianista
Comentarios