jueves. 12.12.2019 |
El tiempo
jueves. 12.12.2019
El tiempo

A casa dos xigantes xenerosos

"CUANDO UN bosque se quema... algo suyo se quema, señor conde", mofábase o Perich en antigas campañas benintencionadas. Hoxe, as boas intencións seguen lousando o camiño do inferno, do lume, dos incendios.

Aquí e acolá arden os bosques. Queimamos os bosques. Cousas do cambio climático, da cobiza, do monocultivo do eucalipto, da ignorancia, da superpoboación dunha especie intelixente pero depredadora: o Homo Sapiens, o Humano Sabio.

Unha ollada ao planeta móstrao ardendo polos catro costados. Aquí empezou a danza do demo en Gran Canaria. Sobre as árbores, a espada de Damocles do 30-30-30: 30 graos de temperatura, ventos de máis de 30 quilómetros por hora, menos do 30% de humidade.

Contan os xornais noticias que apenas contan. Que en África hai máis de dez mil incendios activos en Congo e Angola. Que arde a Amazonía, un dos pulmóns do planeta. Preocupa que en Brasil, o xigante latinoamericano, goberne un tipo con poucos escrúpulos e manga ancha cos donos de facendas que cambian árbores por soia, selva por vacas, árbores por pradeiras para encher o insaciable bandullo carnívoro do mundo rico que non quere percatarse do inasumible prezo da carne. Arde tamén o bosque boreal: 5,4 millones de hectáreas arrasadas en Siberia co fume copando unha extensión como a Unión Europea.

A xigantesca maquinaria apagalumes non cesa de medrar. A Unión Militar de Emerxencias, calificada de ocorrencia por una oposición desnortada, agora é a primeira, urxente chamada de auxilio. Os expertos en xestión e extinción de incendios avisan de que non hai capacidade para extinguir os grandes incendios. Que a maquinaria apagalumes resulta tan cara como insostible e o seu custo supera o que produce a madeira. Que nin todas as forzas do Estado apagarían aquel incendio de Gran Canaria se non tivera cambiado o caprichoso rumbo do vento. E din que a solución pasa por xestionar mellor a paisaxe sacando o combustible que alimenta os incendios. Miramos as xigantescas masas forestais de Siberia, de Canadá, da franxa norte aquí, dos Pirineos e trememos: todo pode acabar en fume nas seguintes ondadas de seca, vento e calor cada vez máis seguidas, cercanas e daniñas. Na Amazonía ardeu un 85% máis que o ano pasado. En tres países distintos, Brasil, Paraguay e Bolivia tres xigantescos incendios deixaron ocos de centos de quilómetros cadrados devastados polo lume.

Esperemos que o Homo Sapiens se comporte como Muller Sabia, como Home Sabio. Que a furia dos máis novos presione nas rúas a gobernos ancorados no presente. Que saiba afrontar o xigantesco reto da crise climática, a xestión da natureza, o coidado da propia casa e o fogar do resto das especies vivas. Animais e vexetais. E coide os bosques onde habitan os xigantes xenerosos.

A casa dos xigantes xenerosos
Comentarios