martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Con uñas e dentes: Europa!

A FERMOSA rapaza recollía flores na praia. Seducida por Zeus en forma de touro branco, montou sobre el e así recalou en Creta. A fenicia Europa acabaría dando nome ao continente. Sobre o lombo da CE moitas conquistas chegaron ata os pobos deste recuncho amable e civilizado.

Ata hai poucas décadas estivo torturado polas reviravoltas das fronteiras. Foi campo de batallas cainitas da cobiza, guerras, destrución e delirios de canallas como Hitler, Stalin e epígonos menores.

Agora, a vella Europa é faro que ilumina o planeta enteiro. A súa forza é a democracia, o pluralismo e o estado de dereito. Tan normais aquí, tan exóticos en boa parte do mundo.

Estimamos pouco ter nacido nun dos Estados do exquisito club. En Europa, a razón e as luces da Ilustración enterraron o mundo antigo poboado de deuses, reis e señores. E abriron portas e ventás ao mundo moderno: cidadás e cidadáns libres e iguais, con deberes e dereitos. No lombo da CE non cabalgan fermosas mulleres seducidas por un deus. Esas son cousiñas da mitoloxía que alimenta historias da historia que entretecen as nacións.

Nun dos últimos eurobarómetreos, con 27.000 enquisas, aparecen ben ordenados por preferencia da cidadanía os activos da CE. En primeiro lugar, cun 34%, está o respecto pola democracia e os dereitos humanos. Moi cerca, a cidadanía coloca o poder económico, industrial e comercial, hoxe ameazado polo matonismo USA e o potencial chinés.

Un 25% salienta o nivel de vida e o potente estado do benestar, inconcibible fóra. A boa relación entre os Estados foi elexida polo 22%: valor descoñecido ata hai poucas décadas nunha Europa que protagonizou no século XX as dúas guerras máis sanguinarias da historia. Agora é modelo de paz, diálogo e democracia.

A capacidade de investigación e innovación xunto co talento, seduce ao 14%. Veñen despois o compromiso co medio ambiente, valor moi en alza pola desfeita climática e o apocalipse para tantas especies de seres vivos como vén de denunciar a Onu. E por fin, a calidade das infraestruturas europeas.

Todos estes puntos son un imán para os que foxen dos seus infernos cotiás e invivibles. O problema da inmigración é agora a primeira preocupación europea. Grave e mal resolto está a actuar como poderoso disolvente provocando o xurdimento de partidos iliberais, tribalismos e populismos identitarios, Atilas de extrema dereita que pisotean o soño europeo. A este cabalo de Troia interior hai que engadir a infinita torpeza dos promotores do Brexit trampulleiro, o autoritarismo pouco democrático de Rusia, a ditadura chinesa co seu modelo de capitalismo desapiadado e depredador e o matonismo USA, amigo pouco fiable.

Pero os nosos activos son máis fortes e o valor máis sólido é a cidadanía. Terá que defender a Europa con uñas e dentes.

Con uñas e dentes: Europa!
Comentarios