Opinión

Copiar da natureza

PODERÁ HABER famentos na familia humana. Hai millóns. Os alimentos que fabrican teñen data de caducidade. Unha porcentaxe salientable acaba no lixo. Na natureza non hai caducidade. O ciclo da vida abrangue tamén a morte. E logo máis vida. O eterno retorno reconstrúe todo e todo acaba por rexenerarse. Xamais no lixo.

Primavera. As pradarías medran sobre materia orgánica. Millóns de sementes, vermes, bacterias do chan. Ou ese milagre rexenerador que é unha miñoca. As árbores espertan coas cores da vida. Extraen nutrientes das follas mortas, materia viva reciclada pola alquimia dos fungos. Se a deixan, a natureza aproveita todo. Repara as desfeitas dos verquidos, os velenos químicos, as cores negras do lume.

Fronte á natureza, o consumismo humano emporcalla a terra, o río que da de beber. A tecnoloxía que axuda, chintófanos que fan a vida máis fácil, levan dentro o verme da obsolescencia programada.

Vimos de celebrar o Día dos Océanos. Os que saben, avisan de que o cambio climático afecta ao rumbo dos ríos mariños que fan habitable o planeta. Que a acidificación desertiza áreas enormes dos mares. Que temos no corredor da morte aos arrecifes de coral. Que a voracidade humana está a crear un sexto continente de plástico. O bípede humano actúa como un letal virus no planeta. Compórtase como un hámster xirando a roda da irracionalidade: fabricar, usar tirar, e volta a dar voltas nun ciclo alucinado que impide ler proverbio cree: "Cando o último árbore sexa talado, o último río envelenado, o último peixe pescado, daquela descubriremos que o diñeiro non se come". Os cartos son así de líquidos e medran no imperio do efémero.

A natureza éche mestra sabia. Leva millóns de anos recreándose no infinito ciclo da vida. Nuns poucos miles de anos os humanos proclamáronse reis da creación. Con dereito a matar, destruir, depredar. Reis espidos que non saben vivir despacio. Comidos polas présas están a facer invivible boa parte do planeta. Ameazando a vida de amplas zonas. Transformando a millóns de seres humanos en prescindibles. Expulsando dos seus hábitats e abocando á extinción á metade dos grandes vertebrados. Hai xa un contador en marcha que marca a data de extinción de numerosas especies vivas animais e vexetais.

A nai natureza, a dos peitos farturentos, atarefada co presente non pode preocuparse do futuro. Permite vivir e beber, comer e respirar, agasalla coas paisaxes. O sistema económico neodepredador éche unha blasfemia contra esa nai nutricia. O seu exemplo invita a programar unha dieta de adelgazamento ao Gargantúa humano, á súa voracidade pantagruélica. Para que aprenda a traballar nese taller de reparacións e reciclaxe. Para que en comuñón coa natureza, copie dela.

Comentarios