martes. 12.11.2019 |
El tiempo
martes. 12.11.2019
El tiempo

Lección de historia para o planeta

HOXE, A lección de historia é que non hai historia. Pero non no sentido que describía Fukuyama en El fin de la historia y el último hombre: unha democracia liberal, triunfante desde o fin da Guerra Fría xa non precisaría dunha historia baseada na loita das ideoloxías.

Hoxe, a lección de historia non está ditada por sisudos pensadores senón por bachareles adolescentes. Para denunciar as desfeitas que estamos a perpetrar contra o planeta, néganse a entrar nas aulas. E cunha lóxica implacable interpelan aos políticos: para que queremos aprender historia se estamos a borrar a historia do planeta? Os datos dos científicos e os sinais de alarma xorden a cotío. Para os que detentan os grandes poderes, os científicos son unha sorte da troiana Cassandra: tiña o don da profecía e a maldición de non ser escoitada.O portentoso mapa da vida mostra que hai miles de especies en cada grupo de seres vivos, plantas, árbores e animais. Unha infinita diversidade de seres que voan, andan, reptan ou nadan. En troques, só queda unha especie humana. Neandertales, florienses e denisovanos desapareceron hai ducias de miles de anos. Só queda unha única especie humana cun nome ben curioso: homo sapiens, o humano sabio. O seu dominio sobre o resto dos seres vivos, ecosistemas, paisaxes e ata o planeta enteiro é total. Todo semella estar ao seu servizo. Ata deuses e relixións: "Home e muller creounos. Que teñan moitos fillos para encher e gobernar o mundo. Que dominen os peixes do mar, as aves do ceo, o gando e os réptiles da terra" (Xén 1, 26-27). Ese dominio é agora abuso e depredación. O sapiens está a destruír o planeta, a única casa que temos, recordaba o astrofísico Carl Sagan. Desde seis mil millóns de quilómetros o ollo da Voyager I fotografó un punto azul pálido na inmensidade do cosmos: o noso retrato de familia.

Agora a Onu, no maior informe sobre a biodiversidade, alerta: hai un millón de especies en perigo de extinción pola acción humana. Iso, se non hai un cambio radical de producción e consumo do Gargantúa voraz, do Pantagruel comellón. Resulta aterrador o impacto dos humanos tan pouco sabios, sobre os outros oito millóns de especies animais. O deterioro brutal que estamos a producir, avisan nesta radiografía da vida, está cerca do punto de inflexión. Ou de non retorno.

Percatámonos agora da sabedoría antiga: todo está interconectado. A natureza regula o clima, a calidade do ár, das terras, das augas doces, dos mares. Regala comida e enerxía. Pero o brutal impacto da cobiza humana está a facer invivible boa parte da xeografía.

A lección de historia de hoxe éche unha amarga radiografía do rei espido, do deus humano. Está a borrar a historia e a expulsala das aulas. E do planeta.

Lección de historia para o planeta
Comentarios