lunes. 25.01.2021 |
El tiempo
lunes. 25.01.2021
El tiempo

O tempo lento

E DE SÚPETO, o tempo detívose. Un estraño virus saíndo de quen sabe onde, chegou en poucas semanas ata os últimos recunchos do planeta.

Vías comerciais e rutas de peregrinación sinalaban no pasado o lento e implacable avance de epidemias. Convertidas en pandemias reclamaban millóns de vítimas en sociedades sen infraestruturas sanitarias e alimento escaso. Á falta de evidencia médica, enfermidade e morte eran castigos de deuses sombríos. Agora o avance dun virus é inmediato. En poucas horas un viaxeiro chega a Europa desde Wuhan cunha equipaxe de coronavirus. Un equipo de fútbol convértese nunha bomba biolóxica en Milán. Interconectados na aldea global só a gobernanza mundial, tan calada, pode protexernos.

A corentena é soportable en casas confortables. As infravivendas transfórmanse en campos de concentración. Éche ben sabido que a pobreza non é ter poucas cousas senón un estatus social. Que permite ler ou non. Escoitar unha sonata ou os berros do veciño. Navegar polas redes ou polo ruído. Convivir ou amorearse coa violencia.

O virus freou os movementos de traslación e rotación do planeta humano. E na cova do tesouro das casas, o tempo transcorre lento

A experiencia global da pandemia é inédita. O trazo máis nidio do que deixamos atrás é a présa, a aceleración. O ritmo de vida tiña un número frenético de pulsacións. Viviamos ás carreiras. Sen poder fuxir da velocidade que impón o sistema económico coa súa pulsión de consumo. Como hámsters na roda, imos ás carreiras para correr máis. Cara onde? A roda do hámster estragouse. Quietude e silencio remansan nas casas. As horas do día deitan a súa preguiza na cama. Ameazado polo virus o mundo ten andares de paquidermo. Pero as novas tecnoloxías, as redes seguen coa velocidade de vértixe. Son a metáfora da roda do hámster onde corren atolados, co tempo conxelado, millóns de persoas.

Daquela, xa non precisamos reloxios ou quizais perderon as agullas. Tempo para pensar. Vivimos nunhas sociedades cun apetito pantagruélico, xamais satisfeito. Ansiando vivir mellor empezamos a sospeitar que talvez abonda con vivir ben. Que a vida é satisfacer necesidades e non enriquecemento sen fin.

A publicidade, a moda, a obsolescencia son a hipertensión do sistema económico. O consumo ten présa. Quere engulir máis. Só vemos o seguinte obxecto que queremos comprar. As redes apostan pola velocidade. Nestes días lentos o enorme volume de información, veraz ou canalla, é forma sibilina de censura por inundación. Sen capacidade de mirar o futuro ancorámonos no inmediato. Ficamos parados na casa. O silencio éche un luxo que invita a pensar. O aburrimento afina a creatividade. Obxectos que nos rodean perden importancia. Vemos a veciñanza, a familia. Cerca de nós sentimos aos que nos curan e traen a comida.

O virus freou os movementos de traslación e rotación do planeta humano. E na cova do tesouro das casas, o tempo transcorre lento.

O tempo lento
Comentarios