viernes. 15.11.2019 |
El tiempo
viernes. 15.11.2019
El tiempo

Pasolini en Barcelona

MAIO DO 68. Fogueira ilusionante e espontánea. Como os ismos arden ben, os estudantes queiman o capitalismo, o autoritarismo, o consumismo, o imperialismo. Protestan da man dos obreiros contra partidos decrépitos, goberno, sindicatos, universidade elitista. Tan razoables que pedían o imposible. E buscando praias baixo as lastras aproveitaban as pedras contra os xendarmes. Un happening festivo.

Lemos o poema amargo de Pasolini El PCI a los jóvenes del 68: "Cuando ayer en Valle Giulia os liasteis a mamporros / con los polizontes / ¡Yo simpatizaba con los polis / porque son hijos de los pobres!". Vémolos agora en Barcelona. Sen sorrisos, excluídos, insultados, humillados. "A los que con sacro gamberrismo / de hijos de papá habéis apaleado".

Velaí unha sorte de loita de clases onde os policías son os pobres e a rapazada lúdica e con carapuchas de marca son os ricos. Semellan estar de festa. Coa impunidade de seren acirrados e defendidos polas élites no poder. Catequizados desde hai décadas coa boa nova do dereito á secesión dos ricos. Mentres se investiga e sospeita dos pobres mossos.

No máis alto, a falta de sentidiño dun president que actúa como agitador mediocre. Ao tempo que a presidenta da ANC sopra sobre as fogueiras do odio. A quen pode estrañar que a rapazada xogue a dúas bandas, a do pacifismo e a da barbarie? Rompen e queiman cousas que logo amañarán os traballadores. Emporcallan rúas que limpan os varredores. Mentres os contemplan desde as barreiras os donos dun nacionalismo identitario que se apoderou do monopolio moral da representación. Velaí o cerne dos populismos: os bos americanos de Trump, os bos húngaros de Orbán. Os bos cataláns son os independentistas fronte a Estado opresor, botiflers, hienas en forma humana, ladaíña dos donos do dogma, da política, das aulas, dos medios e institucións. E agora, das rúas: "La calle es mía!".

Hai outras interpretacións. A de que o estridente procés éche a revolución dos ricos contra os pobres. A rebelión da España Chea de demografía e economía contra a España Baldeira. As clases altas, as élites educadas, os donos da riqueza alineánse coa secesión elitista e esixen o xenófobo dereito de autodeterminación. Ata fracturar a sociedade. Ata espertar a extrema dereita. Das tristísimas dúas Españas que xeaban os versos de Machado, ata as dúas tristes Cataluñas enfrontadas polo odio. Co silencio covarde de intelectuais. Coa claudicación das universidades que desde a dúbida razoable pasaron ao lado oscuro do dogma único, intimidadas por alegres rapazas, despreocupados rapaces que non temen perder curso. Ao fin xa aprobaron a difícil asignatura de agredir e cuspir aos mossos cos que simpatizaba un intelectual de esquerdas, lúcido e iconoclasta. Pasolini.

Pasolini en Barcelona
Comentarios