lunes. 13.07.2020 |
El tiempo
lunes. 13.07.2020
El tiempo

Populismo, o lado turbio da democracia

A palabra populismo é lugar común, un caxato, un retrouso. Omnipresente no debate político xa non significa nada. Populismo ou uso interesado ao pobo. Para o poeta Paul Valéry pobo só tiña un significado: mestura. Algo inaceptable para os paradigmas do populismo onde ‘pobo’ vén sendo algo puro, unha fantasía monolítica.

O turco Erdogán pregunta retoricamente á oposición: "Nós somos o pobo!, quenes son vostedes?". O ultranacionalista Modi quere expulsar da cidadanía hindú a millóns de musulmáns. En Finlandia hai o Partido dos Auténticos Finlandeses: só eles collen no país. Quen se opón a Trump é un antipatriota en contra da grandeza USA. Orbán, incriblemente dentro da UE, anula o estado de dereito e convirte o parlamento na Cámara dos Aplausos. Maduro, Bolsonaro, Putin tentan apoderarse do monopolio da representación do pobo. Trampulleiros críticos coas élites, coa casta, eles son o pobo. Ata Trump di estar contra a élite á que pertence!

Máis perigoso é o seu antipluralismo. Só eles representan ao verdadeiro pobo. Os adversarios son extremistas, inmorais, corruptos, bolivarianos, ladróns e violadores, ou terroristas islámicos. 

Os populismos que estes líderes fortes representan son identitarios. Son un perigo para a democracia porque vampirizan a identidade popular, mimetizándose co pobo ideal. Pobo español, pobo americano, pobo húngaro, pobo catalán, pobos puros, monolíticos. Pero o filósofo J. Habermas recorda que pobo só pode aparecer en plural, polo que a esencia da democracia éche o pluralismo, a sociedade poliédrica, a alternancia no poder. Mentres que os populismos tratan aos opositores políticos como inimigos do pobo. Cando os Bolsonaro, Maduro, Orbán, Trump, Modi, Putin chegan ao poder tentan ocupar o aparato do Estado, recurren ao clientelismo, silencian os medios, anulan os molestos sindicatos, neutralizan a xustiza, demonizan as ONGs.

Na era dos populismos a democracia segue a ser o mellor modelo. Tanto, que ata se reivindican como demócratas. Así, o partido ultra Demócratas Suecos. A crise de 2008 ou esta pandemia poden impulsar a expertos arbitristas capaces de crear a pócima de Panoramix ou o bálsamo de Fierabrás que cura todos os males económicos e sociais.

A democracia é complexa, o populismo é simple. Pero ben capaz de axitar bandeiras de odio e apelar ao pobo cunha abondosa sementeira de medos á inmigración, á globalización. Exacerbando sentimentos de furia e frustración conseguen réditos electoriais a curto prazo cun alto custo: romper a sociedade. 

Fronte a este pesadelo están as institucións democráticas cos seus sistemas de contrapeso, o xogo político do pluralismo, a alternancia no poder. Son o mellor freo para o populismo, o lado turbio da democracia.

Populismo, o lado turbio da democracia
Comentarios