domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

Secretos nunha caixa de cristal

Resulta que os algoritmos saben de nós máis que nos mesmos. O aforismo Nosce te ipsum, inscrito no templo de
Delfos, aparece agora nas tripas das pantallas. Das redes sociais sabemos máis. Apenas sabemos nada pero temos a certeza de que poden comportarse como xigantescas arañeiras. Semella que somos amebas atrapadas no líquido amniótico creado polos xigantes de internet.

A papilla de algas e zooplancton necesitou centos de millóns de anos para se transformar en petróleo. En apenas unha década, sete mil seiscentos millóns de seres humanos, non importa onde vivan, foron transformándose en cifras dun xigantesco negocio. Somos, din os expertos, o petróleo que move o mundo do século XXI.

Empezamos a confirmar os augurios dos bruxos de todos os Silicon Valley que no mundo hai: non quedan illas desertas onde fuxir, nin castelos onde refuxiarse do poder dos algoritmos cando se alinean coas máquinas. Como na aldea de Astérix, só a creatividade e as emocións resisten —agora, e sempre?— a invasión dos algoritmos. Por iso, e do mesmo xeito que os médicos teñen o seu xuramento de Hipócrates, tamén os enxeñeiros de software deberían estar guiados por un código ético a favor do interés social que poña couto á cobiza ou ao desexo de facer dano.

Non existe privacidade e os segredos máis escuros móstranse na praza pública dentro dunha caixa de cristal, iluminada e transparente. Cada páxina web que visitamos queda anotada. Cada compra. Os desexos máis fondos. Cousiñas que cliqueamos e compartimos. Miles de millóns de datos en venda. Big data. Amebas humanas. Cobaias para os turbios experimentos de Dr. Jekyll. Petróleo humano.

Como apenas hai segredos, as conciencias espidas exhíbense no mercadiño de internet. Velaquí o posto das ideoloxías onde se apiñan os conservadores. Na mesa do lado, progresistas. Aquí xenófobos e machistas. Neste expositor agrúpanse os solidarios, acolá almas cándidas sen fronteiras. No mercado global lanzan as redes as multinacionais. Os algoritmos analízannos. Investigadores e empresas privadas agrúpannos como paquetes de datos para vendernos libros, ese coche, aquel Trump, este Brexit. Ou un novo país sen a cotra, din, da inmigración. Sen o cheiro da pobreza. Un país ao que temos dereito con ríos de leite e mel, pensións dobres, mellores servizos, amables Dinamarcas sen lastres.

Os cinco xinetes do apocalipse tecnolóxico, xigantescas multinacionais, cabalgan sobre o mercadiño global. Pobres Faustos vendendo a alma ao demo a través de Mefistófeles. Programas libres e gratuítos a cambio do negocio.

Só queren saber todo de nosoutros: xa o saben. Dianas para afinar a puntería das ofertas. Petróleo humano cos soños máis íntimos e fermosos convertidos en chapapote. Dentro dunha caixa de cristal transparente.

Secretos nunha caixa de cristal
Comentarios