sábado. 30.05.2020 |
El tiempo
sábado. 30.05.2020
El tiempo

Siria, un país que non existe

No ceo sirio xa non habitan os deuses. Pero por alí chegan os seus anxos cunha mensaxe de bombas e morte. Os rapaces do inicio da guerra, hai xa nove anos, son agora adolescentes con plegarias de odio na boca. E as rapazas, mulleres novas aterrorizadas pola brutalidade sexual de fanáticos con máis credos que cerebro, máis dogmas que humanidade. Un neno morto de frío chora no colo da nai. A foto encolle o corazón e dura pouco: só é un músculo que bombea sangue. E pasa nun país que non somos quen de situar no mapa.

Agora no mundo só é visible o invisible coronavirus. Ata que outro virus salte desde o seu nicho nalgún recuncho dunha natureza desquiciada polos humanos. A gota malaia do reconto diario de vítimas do virus estremece. Moito máis que 6,3 millóns de sirios invisibles desprazados dentro do país. E 5,6 millóns de refuxiados en países veciños, o 80% mulleres e nenos. A pequena Xordania acolle a 1,5 millóns. 

O domingo 15 de marzo a guerra interminable entrou no décimo ano. Os civís foron espectadores do xogo da guerra que destruía o país. Nenos que escoitaron a primeira bomba chegaron a adultos respirando violencia. Despois de nove anos, a bendita Onu recoñece un xigantesco fracaso diplomático. Siria éche un cadro arrasado no taboleiro de xadrez onde xogan grandes potencias e o martirio da xente importa nada. 

Nesta guerra, en todas, guerreiros, sátrapas e mercadores poñen pólvora e dividendos: son culpables pero sempre se zafan. Os civís poñen vítimas, casas rebentadas, animais mortos, campos devastados e rapaciñas convertidas en huríes por canallas fanatizados: son inocentes pero sempre sofren. Todo se iniciou, e poucos recordan, cunha rapazada que quería tamén aquí a súa Primavera Árabe. Encheron paredes con pintadas como flores contra o ditador fillo do ditador. Que foi daquelas ilusionantes manifestacións? Sunnitas, xiítas, armenios, kurdos e cristiáns camiñaban xuntos na protesta. Despois, a guerra civil, pandemonium sectario sen amaño. Apareceu o sanguinario estado islámico. Entraron no xogo as grandes potencias. A pobre Siria quedou convertida nun xigantesco teatro de violacións dos dereitos humanos. Centos de miles de mortos, detidos e desaparecidos. As infraestruturas do país que non existe están tan destruídas que costaría medio billón de dólares amañalas. Oxalá termine o ruxido da pólvora para que regresen os sorrisos ás caras e o baile aos pés. Oxalá volva cada mañá o recendo da herba. Polo de agora nenas e nenos sirios non leron a Herodoto. Tampouco o fan os líderes asasinos. No seu libro Historia lese: "Ningún home é tan necio que prefira a guerra á paz. Na paz os fillos enterran aos pais, na guerra os pais enterran aos fillos". En Siria, un país que non existe, comparten a mesma tumba.

Siria, un país que non existe
Comentarios