A Igrexa dos santos
FÁLASE do actual estado do líder católico como unha das mellores campañas de márketing dos últimos anos. Non só se refire aos milleiros de artigos e souvenirs co rostro de Bergoglio que se venden nestes días. Trátase da promoción dun dos filmes máis celebrados do pasado ano e candidato a varios premios Oscar, Cónclave. Hai quen incluso toma a trama da película como unha lectura da realidade. Probablemente, a vida vaticana supere calquera ficción.
Decenas de homes vestidos de vermello toman a pantalla. Fuman, revisan o seu teléfono, rosman, contemplan o infinito, pasean baixo a choiva. Os cardenais reúnense na Capela Sixtina para escoller un novo líder e lonxe de funcionar coa mística presuposta, algo moi inxenuo, a elección papal convértese nunha loita interna por exercer o seu poder e impor as súas ideas. Tomando por definición o que supón ser líder do Vaticano, as votacións teñen por resultado a elevación dun cardenal á categoría de rei, xa que concentra todos os poderes nel. O monarca do catolicismo. No filme, o resultado é tan surreal como máxico.
A mellor idea que presenta Cónclave non é o resultado ou as guerras internas por volver a unha Igrexa conservadora ou avanzar a unha Igrexa liberal. O cumio da súa mensaxe é o cardenal Lawrence, interpretado por Ralph Fiennes. Un home que existe fóra do Vaticano e ten ecos no máis común, un home que vive atrapado na pomposidade e na tradición do rito máxico pero dentro dun contexto veloz, moderno e depredador.
Todos os influencers e líderes morais do momento apostan por unha maior conexión espiritual, pero o cardenal Lawrence vai máis aló: é un martir da cerimonia. Nun mundo que xira máis rápido que o propio tempo, o rito é a ferramenta máis útil para vencellarnos ao anterior a un mesmo e tamén ao presente.
A conversión no vicario de Xesucristo que supón a elección papal é un momento temido ou desexado. Entre os cardenais non existe postura media, o vermello rabaño agocha dúas especies. Por un lado, os candidatos que representa Nanni Moretti no filme Habemus Papam, unha serie de homes que ascenderon por cuestións vitais e totalmente superados polo liderazgo, homes que revirten en nenos pequenos ante tanto poder. Na banda contraria ubícanse os cardenais que debuxa Sorrentino en The Young Pope e The New Pope, feroces animais que despedazan e queren moldear o mundo desde un dos despachos máis poderosos e resistentes.
O papado de Bergoglio achégase máis ao mundano. Supuxo unha renovación na Santa Sede desde o prisma liberal e animou a superar algunha cuestión tan antiga como o propio dogma. Pese a iso, non pode tomarse o seu período como un momento de transformación. A Igrexa pervive porque é a Igrexa. Francisco I apareceu nun momento que a institución precisaba unha persoa á fronte, non unha encarnación divina. No momento da seguinte elección e co contexto político, o novo escollido dará conta do vindeiro ciclo para a fe.
Da era do Papa arxentino quedan tantos momentos como exabruptos, frases fóra de contexto e centos de entrevistas cheas de titulares. Sempre comunicou máis do que exerceu. As roupas vaticanas son, sobre calquera outra prenda, corsés. E os cordóns aprétanos outros.
O papel de Francisco I
Ademais do retrato soberbio que Fernando Meirelles elaborou en The Two Popes, Francisco I ocupouse de que a xente coñecese o seu pasado cunha muller que puxo en dúbida a súa fe, os moitos anos como sacerdote raso en Bos Aires, a súa polémica actuación durante a dictadura de Videla que todavía lamenta e xustifica, a súa etapa como porteiro de discoteca e a súa paixón polo tango e os bailes de salón. Como bo arxentino, sabe da importancia de xerar un mito.
Gardo a sensación de que coñecín a Francisco I, pero non podo confirmalo. Máis aló dos produtos culturais, unha vez atopeime con el, creo. O Papa saía do santuario de Fátima, en Portugal, en helicóptero con dirección a Lisboa. Eu viaxaba por estrada cando vin apareer un equipo policial completo escoltando dous camións e un coche blindado. Revisei as noticias e comprendín que se trataba dunha posible cortina de fume. Bergoglio fora operado unha semana antes e estaba convalecente. O automóvil sería mellor transporte que un helicóptero.
Perseguimos a dilixencia ata que cansamos, e retirámonos nun área de descanso logo de adiantala. Para a nosa sorpresa, todo o equipo detívose alí tamén. Baixaron militares armados ata os dentes, distinguimos un camión medicalizado e tamén o coche papal coa súa matrícula, SCV1. Decenes de persoas correron ata o blindado, axeonlláronse para rezar e a través do cristal intuiuse unha man que bendecía coa forma da cruz, como un sacerdote. Desapareceron do mesmo xeito.
Se teño que recordar a Francisco I non serei indulxente, porque a Igrexa precisa de toda crítica e embestida. Pero gardo para min dúas posturas que teñen trascendencia vital. A primeira é a poderosa visión de que Deus creara o inferno para mantelo baleiro e salvar todas as almas.
A segunda é máis anecdótica pero tamén máis importante. Cando un xornalista preguntou a Bergoglio sobre se saltara a vixilia comendo un choripán, este dixo que si. “Uno no más”. Ante o estupor que xerou, declarou: “La Iglesia de Santos yo no la conozco. Aquí somos todos pecadores”.