viernes. 23.04.2021 |
El tiempo
viernes. 23.04.2021
El tiempo

Devolto ao remitente

Martin Eden, a película do italiano Pietro Marcello, é unha obra doutro tempo. Dicir que este filme é unha adaptación á novela de título homónimo de Jack London é faltarlle á verdade: Martin Eden —alter ego do propio London— é moito máis.
Martin Eden

É unha deliciosa oda á poesía, pero, tamén, unha reflexión substantiva sobre os efectos nocivos do individualismo capitalista, a normalización de discursos fascistas e populistas e a necesidade do socialismo —non xa tanto como ideoloxía política—. Si como o sinxelo e xusto reparto dos recursos para a existencia digna das persoas.

Martin, un mariñeiro errante, case analfabeto, de orixe humilde namora dunha rapaza da aristocracia napolitana e, co ánimo de conquistala e prosperar, tentará converterse en escritor. Axiña baterá coa diletancia decadente desta turba adormecida de ricos de Visconti. 

A interpretación de Luca Martinelli ten unha forza poética acorde co lirismo da película, exacerbado. Baixo a aparencia do cine-collage, o filme insírese como unha digna bisneta no neorrealismo italiano de finais dos anos corenta. Nel están mesturados habilmente o cine-ollo de Dziga Vertov —onde precisamente se aprecia a traxectoria como documentalista de vangarda de Pietro Marcello—, as imaxes naturalistas de Renoir ou o realismo negro francés.

Quen constrúen prisións non se expresan tan ben coma quen constrúen a liberdade, é unha das frases —do anarquista napolitano Errico Malatesta— coas que arranca o retrato de Martin.

Mestúranse as filmacións de época con fragmentos máis actuais e todo nos remite ao universo de Martin: as ficcións que vai escribindo, distintos xeitos de apelar ao sentido da memoria e a representación

Na súa primeira parte o protagonista —de presenza escénica abrumadora— aparece nacendo ao amor, á literatura, o traballo manual como o medio para o acceso á cultura, o contacto co proletariado. Pero todo acontece nunha época incerta, ben nos anos vinte —no medio da loita de clases e o movemento obreiro e revolucionario de corte socialista—, ben nos albores do fascismo que se materializará coa chegada ao poder de Mussolini ou na actualidade: vemos desfilar, máis adiante no filme, un tren de alta velocidade. A música, que inclúe a marabillosa Piccere, de Paolo Pace, pero tamén música electrónica ou de Debussy fúndese coa fotografía e o gran dos 16 milímetros. Mestúranse as filmacións de época con fragmentos máis actuais e todo nos remite ao universo de Martin: as ficcións que vai escribindo, distintos xeitos de apelar ao sentido da memoria e a representación.

O xiro que nos conduce á segunda parte da película ten que ver coa evolución do personaxe cara a egolatría cínica e depresiva dun individualista libertario —inducido polas lecturas evolucionistas de Herbert Spencer—, xa sen vínculo cos seus semellantes e vítima do éxito na cultura de masas. Un apóstolo de estética chekhoviana, condenado á soidade e á loucura, ao sufrimento, que non dubida en denigrar indistintamente a burguesía e o socialismo obreiro. Un lugar onde o artista xa non precisa ler nin crear, senón sacar usufruto da súa obra e vivir do personaxe.

A Spencer sucedérono Nietszche, pero tamén Mussolini, Hitler ou Stalin. E a película fálanos tamén do xerme dunha Europa en llamas. Unha Europa perigosamente parecida á de hoxe: rota, dividida, distraída e suxeita ás novas formas do capitalismo —proxectado no presente ad infinitum grazas ás novas tecnoloxías—, sacudida dende ultramar por personaxes como Trump ou Bolsonaro, pero tamén por Putin, Salvini, Erdogan, a xenofobia e as derivas autoritarias de Centrouropa.

Martin Eden non encontra a redención na utopía e as promesas do seu tempo, pero tampouco encontra repouso nas conquistas do seu ego e a culminación da súa obra, afastada xa da dimensión social, consubstancial á persoa. Unha obra marabillosa, un xogo de espellos e portas secretas que atravesa todo o século vinte. Precisamos de quen nos rodea e non perder a capacidade de poñernos no lugar do outro.

Unha lección que aprender antes de que sexa demasiado tarde. E un verso definitivo e triunfal na mellor tradición do cine.

Devolto ao remitente
Comentarios