Opinión

A lenda de Trás Os Montes

A parroquia amante da boa música e o bo cine vai tardar en ver un documental tan cativador coma o que vén de asinar o veterano cineasta Georgeous Bailanakriba

O ICONOCLASTA grego —autor de Albino negro e nominado aos Bafta en 1989 por Deixar cego Homero a hostias— asina agora Danko Loque: un espectacular documental sobre unha das figuras máis interesantes e menos coñecidas do rock underground portugués, Danko Jones.

Danko Jones é o complexo personaxe co que Sá Carneiro (Monçao, 1952) se deu a coñecer na escena musical do underground portugués dos setenta, nos concertos da Oitava Feira, na Baixa de Porto. Durante case hora e media de filme, Sá revela as súas orixes, que se remontan á súa vida ambulante en Caminha, na fronteira galego- portuguesa, vivindo nun pequeno club de lecer propiedade da familia, como el mesmo afirma «na milha 14 da especial cronometrada Monçao-Caminha do Rally do Norte». O pai de Carneiro, electricista de profesión, será quen inicie seu fillo no rock eléctrico, o amor por Hendrix ou Alfredo Marceneiro. Pouco tempo despois, morrerá prematuramente instalando as luces da Romaría de San Joao, na serra de Arga —nunha das pasaxes máis emotivas da cinta—. A partir de aí, será o tío Filipe quen guíe a Danko nunha etapa dura onde o artista afirma, sen pudor, que "non estaba en incentivos escolares".

 Así, da man del, o novísimo Carneiro aprende a tocar a guitarra e dará os primeiros concertos en todo tipo de celebracións improvisadas en igrexas, prostíbulos ou gasolineiras até chegar a un dos grandes fitos da súa carreira nesta época: o concerto no Batendo de quatro, que o documental rexistra con entrevistas a membros de Fado Erecto —a súa primeira banda— e a varias testemuñas do incendio no mítico pub de Melgaço, que finalmente acabaría coa vida de catro estudantes alemáns.

Desta época son temas como Relutante en depravaçao, Copular en Cerveira ou a primeira versión acústica  rexistrada de Gosto do teu bacalhau (olha aí!). Pero a peza que o cambia todo, sen dúbida, é talvez un dos maiores éxitos de Jones, «Carros batendo duro: carros portugueses batendo forte/em seu coraçao/batendo forte e sen medo/nas mudanças de altitude/estrada a Monçao/en peregrinaçao ao Corte Inglés/fortalecer laços cos galegos/sem complexos/sem saúde/desafiando pavimentaçao/ultrapassagem no acostamento/os cravos na alma da revoluçao...»

Danko Jones publica os catro discos que o fan pasar a historia do rock de Trás-os-MontesDanko Jones publica os catro discos que o fan pasar a historia do rock de Trás-os-Montes

O paso do circuíto underground ao gran formato non se fai agardar e chegan as grandes xiras para Danko Jones, secundado polo seu grupo de sempre, Fado Erecto (con Free André Calcanhotto en batería, Gramo e meio Gonçalves en baixo, Lùcia Sabela Dentalhada en guitarra eléctrica e Cacheirinha Poldro Connolly en teclado e maracas). Paralelamente, Danko Jones publica os catro discos que o fan pasar a historia do rock de Trás-os-Montes: Agora me sinto como aquele bezerro, Garota Insomne de Cascais, Fogo en Guimaraes e o álbum aclamado por crítica e público, Eu serei seu Paulo Futre.

Comparecen como banda soporte do roqueiro sevillano Sandro e completan unha excelente xira de hoteis en Almería até o incidente que constitúe o punto álxido do documental: o concerto no Casino de Estoril, que finalizará con 54 persoas detidas.

Georgeous Bailanakriba executa un tratamento elegante e sobrio do ocaso de Danko na parte final do documental, pero non evita abordar o tráxico desenlace do grupo así como as sucesivas mortes de tres dos seus integrantes. O documental remata cunhas palabras de Danko Jones, ao referirse, visibelmente emocionado, a Poldro Connolly e Calcanhotto: "Ele levou dois tiros no peito miserável á saída de concerto e Poldro morreu em paz mesmo, de morte natural: bateu seu Renault Fuego na parede da churrascaria Rei dos Frangos". En definitiva un documental tan marabilloso como absolutamente falso. Igual de falso ca todo este artigo.

Comentarios