Opinión

Parsifal e o cisne

Patti Smith, a muller adicta ao café, a xulgar polo que escribe no seu último libro, El Año del Mono (Lumen, 2020), non durme moito. Pero, aos seus 75 anos –cumpriunos o pasado 30 de decembro e conta vivir até os 93–, soña con frecuencia, como boa detective salvaxe. Gústalle o café so, sen azucre e cun chisco de canela. Sabemos que é xenerosa: deulle diñeiro ao camareiro dunha cafetaría que frecuentaba para que este abrise o seu propio negocio.
Patti Smith
photo_camera Patti Smith

A ELECTRICIDADE flotaba no ambiente do Stockholm Concert Hall, durante a cerimonia de entrega do Premio Nobel de Literatura a Bob Dylan, en 2016. Fora Patti Smith quen recibira o encargo de recollelo no seu nome. A pasaxe que cantaba cando tivo que parar, emocionada, logo de trabucarse na letra, sabíaa ben, pertencía á canción A Hard Rain’s A-Gonna Fall, un dos cumios da lírica dylaniana: "Tropecei coa ladeira de doce brumosas montañas/ andei e arrastreime/ percorrín sete bosques sombríos/ estiven diante dunha ducia de océanos mortos/ adentreime dez mil millas/ na boca dun cemiterio…".

Desculpouse con rubor e, nas súas palabras, o auditorio, os músicos e toda a xente alí presente percibiron con sinxeleza a voz da verdade: "Estou moi nerviosa, pídolles desculpas".

O fío invisíbel de Smith –só lle chamaron así, polo seu apelido, tres persoas: Sam Shepard, súa nai e Johnny Depp–, ese guía infindo que todos perseguimos na literatura, comeza na novela máis famosa de Louisa May Alcott: Jo March, unha das heroínas de Mujercitas. Jo –a nena protagonista– escribía relatos góticos a un penique a palabra; vendía o pelo da súa cabeleira para recadar fondos para a Guerra de Secesión. Mais Patti Smith axiña sentiu predilección pola propia escritora, unha significada sufraxista e abolicionista do século XIX, ademais de novelista de éxito. Este libro é a primeira fiestra pola que Patti Smith nace á mirada do oficio de escribir. Aprende do seu exemplo e tentará emulala. O fío desta poeta e pintora –nada en Chicago no 1946 no seo dunha familia humilde– que deu o salto ao rock e á performance, continúa en Rimbaud, William Blake, Jim Morrison ou na súa amiga Janis Joplin –fixo moita vida con ela na época do Chelsea Hotel–… Alí tivo outros dous mestres confesos, Allen Ginsberg e William Burroughs, de quen aprendeu o segredo da arte: "Coida o teu propio nome e di a verdade". E dous amigos máis: Bob Dylan e Susan Sontag.

Súa nai fora cantante de jazz e seu pai un antigo bailarín de claqué –que estudaba filosofía e traballaba nunha fábrica–. Durante a infancia Patti padeceu hepatite, tuberculose e escarlatina. De nena adoitaba fuxir soa en bicicleta aos bosques dos arredores e cultivou un gusto precoz pola lectura. Comeza a escribir moi nova e isto vai marcar para sempre a súa vida.
El Año del Mono é un libro intimista que se compón dun impresionismo realista –adozado con fotos Polaroid– e mesturado coas formas do soño, baixo a aparencia dun diario de estrada, na mellor tradición beat. Arranca nos últimos días de decembro de 2016, no Dream Inn., un motel preto de San Francisco. Valéndose da ambigüidade do entresoño, Patti Smith evoca a figura dun dos seus mellores amigos, Sandy Pearlman, que se debate entre a vida e a morte na habitación dun hospital. Pearlman é, segundo Smith, o autor dun dos mellores libros que se teñan escrito sobre rock: Excerpts from the History of Los Angeles. Pearlman foi, ademais, o fundador do grupo Blue Öyster Cult, produtor de The Clash, letrista, xornalista musical e profesor universitario.

Nos primeiros 60, descobre o ritmo e a raíz da súa voz recitando versos de Sylvia Plath ou Rachel Lindsay en enormes follas pegadas na parede

Patti mudou moi nena coa familia a New Jersey e alí recibirá unha educación fortemente relixiosa –seus pais eran testemuñas de Xehová–. Sofre moi pronto a experiencia da perda ao morrer unha das mellores amigas, mais encontrará agocho durante a adolescencia na poesía de Sylvia Plath ou nos versos de Rimbaud –vendedor de ataúdes na Abisinia–. Entra a traballar nunha fábrica a mediados dos 60 e logo matricúlase na universidade, pero no 67 deixa a fábrica e os salóns de baile, as flores murchas. Chega a New York o día que morre Coltrane. Quere ser artista e poeta nun medio monopolizado polos homes. Traballando nunha xoiaría coñece a Robert Mapplethorpe, un xenio excéntrico con gusto polas fotos e xuntos percorren un camiño de experimentación iniciática no que se instalarán no Chelsea Hotel. Nos primeiros 60, descobre o ritmo e a raíz da súa voz recitando versos de Sylvia Plath ou Rachel Lindsay en enormes follas pegadas na parede. Tenta debuxar palabras e plasmalas en letras. Cando refina o proceso achégase á performance, e logo á colaboración. É o paso previo a tocar nunha banda de rock and roll.

Namentres, Mapplethorpe converterase no fotógrafo de New York dos 60 e 80, contribuíndo á visibilización da homosexualidade e sempre no ollo do furacán pola natureza pornográfica –polémica, pero xenial– de boa parte da súa obra. El será quen asine a portada de Horses no 75, disco que supón a irrupción e consagración definitiva de Patti Smith. Na imaxe xa icónica, en branco e negro, vemos unha muller de xesto andróxino; fita con desprezo o obxectivo, viste de traxe e colga a chaqueta ao ombro. O CBGB convértese no seu centro de operacións e ela, canda os Clash –tamén cunha forte vocación política e máis influenzas culturais có resto de grupos do tempo– significará o lazo que une o punk coa tradición musical e literaria da década precedente.

Coñecerá a Fred Sonic Smith, guitarrista dos MC5, abandonando a escena no ano 1980 e trasladándose a Detroit; pero malia o que o relato superficial poida translucir, estes anos serán intensos en moitos planos non sempre coñecidos. A parella dorme de día e vive de noite: beben, pintan, compoñen, planean delirantes programas de televisión... Xuntos viaxan á Guayana Francesa seguindo o rastro do Diario del ladrón de Jean Genet; queren coñecer Saint Laurent, a cidade desta colonia francesa, lugar de paso previo ao traslado dos presos á Illa do Diaño. Polo camiño son detidos a punta de pistola. Teñen dous fillos e seguen a habitar o rock como actitude: malia que ningún dos dous sabe nadar, mercan un vello barco-vivenda que instalan no xardín da casa. A el acoden para escoitar música e ver béisbol; namentres el aprende a pilotar pequenos avións, ela afondará na literatura xaponesa...

No 89 morre Mapplethorne e no ano 94, no prazo dun mes, morren seu home Fred e tamén Todd, seu irmán

O tempo pasa e as follas que agochan a morte descóbrense, erguidas en brazos de luz. No 89 morre Mapplethorne e no ano 94, no prazo dun mes, morren seu home Fred e tamén Todd, seu irmán. Logo dunha forte depresión, Patti Smith volve á escena no ano 95, da man de Dylan, que a convida a xirar con el, publicando tamén novos traballos con certa regularidade até hoxe.

A autora do libro de culto Éramos unos niños (2010), que narra os primeiros anos con Mapplethorpe, achegábanos nos seus libros posteriores (MTrain ou Desvelo, Lumen) unha prosa magnética de contido autobiográfico, aderezada pola sensibilidade e o coñecemento exhaustivo de varias literaturas. O libro de poemas Augurios de inoocencia (Lumen, 2019) garda correspondencia coa súa obra narrativa destes últimos anos. E neste sentido, El Año del Mono é unha obra de continuidade, homenaxes e ausencias: Pearlman morre en 2016. E o libro acaba tendo na figura do dramaturgo Sam Shepard e na do escritor chileno Roberto Bolaño os seus dous puntos de fuga. Así, Patti Smith narra tamén as visitas ao americano –de quen foi parella nos setenta– nos últimos meses da súa vida, cando este se encontra inmerso no peche do seu derradeiro libro Yo desde dentro (Anagrama, 2017), coa axuda da súa amiga. Shepard morrerá nese mesmo ano. Moteis, cafés, autobuses, coches de aluguer, praias, bambolinas e a pequeña cabaña de Smith en Queens son algúns dos escenarios.

Doutra banda, a figura de Bolaño revélase como unha influenza poderosa e constante na escrita de Patti Smith, a súa rendida admiradora. Varias das conversas cun dos personaxes imaxinarios do libro versan sobre o autor chileno e a súa monumental novela, 2666 (Anagrama). Son precisamente os soños e as súas variacións, habituais na obra do chileno, o motivo das indagacións literarias polas que Smith transita na súa prosa. Smith agasállanos, ademais, cunha Polaroid do armario da casa de Bolaño en Blanes –visitou a súa familia–, onde este gardaba toda a súa colección de xogos de rol.

A languidez que proxecta a imaxe de Patti Smith na actualidade ten unha correspondencia co propio periplo vital pero tamén garda relación cun trazo do seu carácter, marcadamente culturalista e prendido ao fetichismo literario. Mais hai unha ambivalencia na súa traxectoria que contrasta coa agresividade punk. Ela ten unha mirada luminosa e certeira sobre a experiencia do mundo, á par que un marcado compromiso social. Foi unha das acérrimas opositoras a Bush fillo e ten participado nas manifestacións para a defensa do barrio do Cabanyal en Valencia, por exemplo. Nesta última obra fala con amargura da victoria de Trump nas eleccións así como da chegada da pandemia.

T.S Eliot dixo que lle corresponde a cada xeración traducirse a si mesma e abrazar a historia e esgazala

É probábel que a afección recoñecida desta icona do punk polas series de detectives teña condicionado a súa evolución artística e literaria. Manexa unha listaxe de hoteis preferidos para ver The Killing, Luther ou True Detective. Pero namentres que as parellas de detectives chegan á escena do crime e interróganse e achéganse pistas o un ao outro, a escritora é un detective solitario. E é difícil encontrar as pistas que unha agocha en si mesma. Así as cousas, a procura convértese nunha expedición sen fin.

T.S Eliot dixo que lle corresponde a cada xeración traducirse a si mesma e abrazar a historia e esgazala. Botamos a vida apañando os nosos anacos para marchar despois, cando xa os temos todos no Val Perdido do tempo. Patti Smith recolle os seus na penumbra do solpor, pero aínda destila o arrecendo da poeta que xuntou poesía e punk, cando berraba en Horses que "Xesús morreu polos pecados de alguén/ pero non polos meus".

Comentarios