lunes. 16.09.2019 |
El tiempo
lunes. 16.09.2019
El tiempo

A lingua, para falar

AS ADMINISTRACIÓNS públicas, as asociacións, as comunidades, as universidades, a xustiza e os particulares teñen obriga de coñecer a lingua e de usala, falala e amala, sen máis palabras. Castelao dixo que o noso idioma era unha obra de arte superior ao Pórtico da Gloria e, a pesar desa súa inmensidade, require protección en cada instante. Así o din milleiros de persoas cada ano en manifestacións que cobren, como un manto colorido de seda e de alento, a xeografía total do país. Para o ano que vén haberá que repetir a xeira e reclamar novamente respecto para o idioma que temos, porque como escribiu Manuel María, "Galicia somos nós:/a xente e mais a fala".

Dende 1983 temos unha lei de normalización lingüística, pero os estudantes da maioría dos centros de Galicia asisten ás clases enteiramente en castelán. Que pasa?

No marco da concordancia, moitos apostan, aínda que sexa un día ao ano, por empuxar o carro da normalización, por falar e escoitar falar en galego. Dende 1983, temos unha lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade e desenvolvida tamén de forma consensuada, pero os máis novos, os estudantes da maioría dos centros educativos de Galicia asisten ás clases enteiramente en castelán. Que pasa?

Parece evidente a necesidade da insistencia e perseveranza para que o galego non esmoreza, para que, pola contra, adquira máis vitalidade, para que sexa lingua de uso en tódolos campos e saberes. Temos unha lingua propia dende a idade media, nosa e de todos, de todos os que hoxe queiran usala. Explicábao moi ben Vázquez Portomeñe na universidade de Oviedo, loando o proceso consensuado para a aprobación da lei de normalización lingüística. Os asturianos presentes, representantes políticos, autoridades académicas, membros de Iniciativa pol Asturianu, profesores e estudantes, puxéronse de pé e aplaudiron ao exconselleiro. Foi o triunfo do galego, xunto ao de milleiros de manifestantes que reclamaban "liberdade, igualdade e xustiza".

A lingua é para falar e para entenderse, para andar polo mundo coa cabeza ergueita, con humildade e con sosego; para contar de onde vimos, onde estamos e para onde imos. É un símbolo de identidade de nós. Como dixo Xavier P. Docampo, "é o instrumento da alma do pobo", da cultura que marca a nosa forma de ser, de andar, de pensar e facer. Aí está. Si, señor ou señora!, somos galegos tamén polo idioma, polo Galego, ese enorme patrimonio noso, que merece todo o respecto e a máxima protección.

A lingua, para falar
Comentarios