domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

Cando cambie a lúa

CANDO CAMBIE a lúa os nosos paisanos plantarán a horta. Amador de Castrofeito corta o pelo no minguante e outros traballan só pensando no crecente. Cada tarefa ten a lúa dela, igual que cada tempo. Sábeno ben os promotores do Gaiteiro de Lugo, o mentireiro verdadeiro que se vendía de feira en feira, de parroquia en parroquia, tódolos días de tódolos anos, para gloria e xúbilo dos máis folgazáns. Este calendario agrícola, con periodicidade anual, triunfaba no mundo editorial coa súa distribución directa, aínda que os compradores consideraran que era innecesario. O seu éxito estaba nas fases da lúa: Chea, Cuarto Minguante, Lúa Nova e Cuarto Crecente, que teñen ciencia e superstición, ao mesmo tempo.

A Lúa forma parte de moitas lendas de hoxe e de sempre. É como o faro que aloumiña e alumea a noite, é unha luz pendurada que vai e vén cada pouco, que se esconde e aparece como se xogara co tempo, coa natureza e con nós mesmos. A Lúa é ama e señora, con esencia divina e grande influencia na vida de quen nace e vive na Terra. As civilizacións antigas tíñanlle adoración, respecto e medo. Hoxe a ciencia é capaz de poñela no seu sitio, a uns catrocentos mil quilómetros de distancia. Á velocidade do Ave dende a estación de Ourense, para unha viaxe de ida e volta, faría falta moito tempo.

"Hai un galego na lúa", dicía a canción cun certo aire pouco gratificante, pero o certo é que moitos, sobre todo os profesionais da política, galegos ou non, parece que están sempre aló e, como di a Tía Manuela, "mellor sería que puxeran os pés na Terra". Dende a Terra, foron á Lúa por primeira vez o 20 de xullo de 1969, nunha viaxe que converteu en mito ao piloto e enxeñeiro aeroespacial, Neil Armstrong.

En calquera momento, nunha destas eleccións repetidas, atoparemos nalgún programa electoral referencias sobre este asunto, promesas en firme para que os votantes viaxen polo espazo con seguridade total e con garantía absoluta de volver con ledicia. O peor e o máis longo da andaina será chegar ao colexio electoral, á escola parroquial onde cada un dos votantes aprendeu as primeiras letras. Aínda así, todos tranquilos! As promesas son para cando cambie o tempo, para a semana que vén ou para cando cambie a lúa.

Cando cambie a lúa
Comentarios