viernes. 15.11.2019 |
El tiempo
viernes. 15.11.2019
El tiempo

Cómpre empezar de novo

ÍA OUFANO conducindo a toda velocidade por unha estrada estreita e de curvas pronunciadas, ao mirar á dereita, zas! Alá foi, despois de cruzar a estrada, polo barranco da esquerda. A el non lle pasou nada e ao coche, arranxado e pintado de novo, notábaselle marcadamente que rodara por fóra do carril. As portas traseiras non abrían e a dianteira do lado do condutor, tampouco. A porta da dereita quedou fechada para sempre, inutilizada por culpa do golpe contra a parede do fondo da carricova.

Decontado, aos poucos días ou ás poucas horas, volve na dirección contraria o mesmo home, conducindo un coche carrozado de novo. Neste caso, ao pasar polo mesmo sitio, mirou á esquerda e outra vez vai fóra, agora, pola dereita, ao carón do mesmo barranco. Foi neste mesmo instante cando o experimentado condutor se decata de que non hai que mirar para un só lado. Con toda a firmeza e con toda a esperanza do mundo na mirada, cómpre estender a vista tanto como dea de si, á dereita e á esquerda, mirar para adiante e sempre con atención ao que vén despois.

Non se pode mirar para o outro lado, menos aínda no campo da política. A seguridade na mirada é a seguridade na camiñada, no andar e no triunfar. Está directamente relacionada coa capacidade de escoitar, de entender e de elixir o camiño. Os políticos deberían sabelo e practicalo, pero as cousas son como son, e as mulleres e os homes descorren e pensan como pensan e actúan, as máis das veces, en función das súas consideracións, con razón ou sen ela.

O campo da política? Onde remata este territorio? Poida que toque extremo cando as emocións tropecen cos orzamentos, cando a guerra sexa exclusivamente de propaganda, cando de ideoloxía non quede ren e as persoas en acción política miren para o outro lado, ou unicamente para o seu lado. Daquela toca fin e cómpre empezar de novo.

Así que bonito é, empezar de novo sempre que se poida e ata cando se poida. Unha e outra vez. Unha e mil veces coas emocións renovadas e acendidas, sabendo que "intelixencia é a capacidade de dirixir ben o comportamento, elixindo as metas, aproveitando a información e regulando as emocións". A Tía Manuela tamén comparte o dicir de José Antonio Marina e prega que sexa para ben, sen máis.

Cómpre empezar de novo
Comentarios