jueves. 12.12.2019 |
El tiempo
jueves. 12.12.2019
El tiempo

Orgullo de pertenza

A IDENTIFICACIÓN dos humanos co lugar onde nacen e medran é intensa, na maioría dos casos. Sexa como sexa o lugar, o home é de onde nace, ata sempre, do seu lugar da súa comarca, da provincia, da vila mariñeira ou da montaña. De alí, onde se identifica a xente polo nome do lugar, como se fose o apelido de tódolos habitante da tribo. Cadaquén ten o seu nome, a súa casa, a súa forma de ser, de andar e de pensar, pero son daquel lugar que é diferente a calquera outro e, por suposto, mellor ca tódolos outros. O mesmo sinal de identidade para os veciños, para os tíos dos veciños, para os fillos, para os escolares e para os que se foron ás Américas ou por Europa adiante.

A identidade ninguén quere perdela e non se perde, nin coa distancia, nin mesmamente coa morte. Ese conxunto de características, de elementos que definen a personalidade dunha persoa e dun pobo é permanente, mentres haxa quen se acorde delas. Xa o dicía Borges, "o importante é que o home saiba e non esqueza nunca quen é". Niso estamos, amigos lectores, no transo de non perder a memoria, para saber sempre de onde somos.

Somos de onde vimos e a nosa identidade está marcada no pasado e nos antepasados. Somos un pobo que naceu na lonxanía temporal, temos un idioma dos primeiros, temos territorio harmónico e que, ao longo de varios séculos, foi sustento de moitos, e temos cultura propia, para gloria deles e dos outros. Todo isto constitúe a nosa identidade como galegos. Como xente que mira para o futuro, dende a atalaia de respecto aos que nos precederon. De respecto e de admiración porque somos herdeiros e mantemos, pois, o compromiso de seguir avanzando cara a unha sociedade que segue aspirando e demandando xustiza.

O Camiño de Santiago é símbolo ou parte da nosa identidade e na súa contorna medraron outros sinais. Un deles o marcado pola lírica galega que -ao parecer- comeza, a principios do século XII, coa pluma caligráfica sen plumín de Martín de Padrozelos, un trobador que os investigadores identifican como o primeiro da historia literaria de Galicia. A Tía Manuela sábeo ben e, aínda que o boi e o burro son de onde pacen, "nós, os homes leais e as mulleres honestas, somos de onde vimos e temos orgullo de pertenza".

Orgullo de pertenza
Comentarios