sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

Teletodo, para algo e para nada

A PANDEMIA de Covid-19 deu e segue dando moito que facer. Altera as rutinas da xente, dos que mandan na xente, dos que queren mandar, das persoas que obedecen e das outras todas, das que discrepan e das que concordan; das institucións, das organizacións, dos profesionais, dos oficiais, dos nacionais, locais e estranxeiros. Ese microorganismo invisible e maligno, o coronavirus, que recorre o mundo como perigoso axente infeccioso, chegou e entrou pola porta grande no Dicionario da Real Academia Galega, da man dos integrantes do Seminario de Lexicografía da institución. 

Os académicos, en xuntanza telemática, déronlle forma ao acordo de incorporar ao Dicionario varias palabras que máis valía non escoitar nunca, Covid-19, sepse, sepsia, desconfinamento, 'saída dun estado de confinamento', e desescalada, 'proceso de recuperación da normalidade, despois dunha situación de tensión ou conflito por unha diminución das causas que a provocaron'. Xa ven, de todo o que acontece podemos sacar algo positivo e aprender cousas novas e palabras novas, para contarlles aos vindeiros as verdadeiras consecuencias do desastre, desa catástrofe, da hecatombe que, segundo o propio Dicionario, ten graves consecuencias. 

Poderáselles contar aos vindeiros e aos presentes, se é necesario, a través dun webinario ou dun ou varios seminarios web, que estamos principiando unha nova andadura para remover os valores, que xa pertencen ao pasado. Os principios e os valores dunha sociedade, dun pobo e dunha colectividade que se murcha, que adormece e traballa diante dunha pantalla e detrás dunha máscara. Os académicos deixarán constancia, nos distintos dicionarios, do que se fala, daranlle orde e legalidade ás palabras, explicaranas e definiranas. Gran labor! Si, señor! 

Diante da pantalla, sempre, traballando e actuando, mirando, lendo e copiando, escribindo e cumprindo con constancia solitaria. Teletraballo dende o domicilio do traballador; telensino, de casa a casa; telebasura, televisión e teletodo, para algo e para máis nada. Telecompra e televenda a través de plataformas informáticas, que, como dicía a Tía Manuela, "axudan e orientan a puntería do telemando".

CONVERSA ENTRE CONFINADOS
Se vostede é lector deste xornal e quere, nestas semanas que quedan de confinamento, comentar o artigo da TÍA MANUELA co seu autor, indíqueo ao teléfono/whatsapp 609284476 ou ao correo electrónico [email protected], cunha breve mensaxe que inclúa o seu nome e o número de teléfono, para que o xornalista Luís Celeiro chame para manter con vostede unha conversa sobre o artigo que, como sabe, se publica os martes nas edicións impresa e dixital deste xornal. 

Teletodo, para algo e para nada
Comentarios