viernes. 15.11.2019 |
El tiempo
viernes. 15.11.2019
El tiempo

Baixar impostos (e III)

Pagar o combustíbel a un prezo máis caro que en Navarra, Cataluña, Andalucía, Valencia ou Aragón non é un dado favorábel de política fiscal progresiva
Dicíamos a semana pasada que a presentación do proxecto de orzamentos galegos 2020, sofreu as consecuencias da coincidencia co momento eleitoral actual. Había que dicer algo que soase agradábel, que tivese impacto propagandístico favorábel aos intereses eleitorais do partido no goberno galego e aspirante a recuperar posición no Estado. Sucedeu que do anuncio estrela de orzamentos con baixada de impostos queda case nada: son 5,4 millóns de euros de baixada, e queda en fume cando se proxecta aumentar os ingresos rebaixando impostos (baséase na previsión de aumento á alza do tráfico comercial inmobiliario de forma nunca vista) e finalmente baixadas ridículas. Por se isto non fose pouca cousa, é inxusto deixar de recadar en negocios ou transaccións efectuadas entre os posuidores de maior renda e de maior patrimonio: non é xusto en termos de xustiza distributiva deixar de recadar aos máis poderosos, é dicer, axudarlles a aforrar, e manter o mesmo nível de presión entre as rendas máis baixas para poder cobrir as necesidades públicas. Hai unha serie de impostos que pagamos todos sen nos dar conta de que son susceptíbeis de chamar pola xustiza. Pagar o combustíbel a un prezo máis caro que en Navarra, Cataluña, Andalucía, Valencia ou Aragón por citar só as de maior renda ou de moito maior tamaño poboacional que Galiza, non é un dado favorábel de política fiscal progresiva. Falar do custo dos desprazamentos (en euros de portaxes de autoestrada, a máis cara do Estado) non parece que favoreza benestar para os traballadores que se desprazan a diario, e terán que sumar este gasto necesario ao do combustíbel. Falar duns orzamentos para o ano 2020 en que se gasta máis en transporte escolar en nengunha outra comunidade autónoma non fala precisamente ben da adecuación das escolas (ubicación e servizos de ensino prestados) ás necesidades da poboación galega. Sería conveniente mirar se, en lugar de desprazar moreas de nenos en autobuses polo país adiante —perdendo ás veces dúas horas no transporte—, se non gañaríamos como país tendo un modelo propio de escolas, graus e ensino máis económico e máis sustentábel. Ter unha empresa privada a cargo do Catastro nun país como Galiza é como encargarnos a nós da dirección das escolas andaluzas de baile flamenco. Do Catastro, e dos seus disparates, cóntanse tantas anécdotas, que, se non fose que custa cartos e moi inxustamente distribuídos, sería para facer o monólogo dunha cómica. Eu mesma vin a unha señora reclamar na oficina de A Coruña do citado organismo o cobro indebido por un hórreo, cualificado (estaba escrito) como adminículo habitábel. En fin, se a traza é seguir presumindo de pouco gasto, non se explica ninguén como segue medrando a débeda pública galega: no ano 2018 é 4 veces maior que a que había en 2009. En 10 anos pasamos de 4.000 millóns de euros a máis de 18.000, e todo isto en anos coñecidos como dos recortes: en soldos e salarios públicos, en investimentos en obra civil nova, en servizos de dependencia, en investimentos públicos de contribución á nova produción… En que se foron?

Baixar impostos (e III)