Opinión

Cidadáns anónimos

AO ESCOITAR esta denominación xornalística de última hora, lembrei que non coñecemos todo o necesario da linguaxe dos medios para estar ao día. Eu púxenme a discorrer para tentar acertar co seu significado, porque o significante érame coñecido. Quizabes quixera dicer o agudo comunicador que eran cidadáns non coñecidos por el. Pode ser. Tamén podería querer dicer que se trataba dun conxunto de cidadáns non coñecidos porque non eran contertulios das cadeas de televisión (que son as que dan a coñecer a xente). Ou poderíase tratar de cidadáns que o xornalista considerou que non tiñan nen nome (aquí) por seren refuxiados, sen papeis ou mesmo emigrantes africanos (por exemplo) ilegais. Ou ben, na última das hipóteses posíbeis, estaría observando un conxunto de militantes do partido recén creado chamado desa maneira e o observador comunicante non recoñeceu os seus chamados líderes.

Todo pode ser, menos que haxa unha concentración de anónimos que lembraría que estamos fóra do mundo onde todo quidam ten nome e apelidos, cédula de identidade intransferíbel, un oco no rexisto civil, mentres estiver vivo, polo menos cunha entrada, e nas bases de dados propriedade dalgunha compañía multinacional norteamericana con profusión de dados. Por non falar xa do rexisto policial das nosa pegadas dixitais que obran nese depósito desde a tenra infancia para os nenos con documento de identidade ou con pasaporte e para os restantes obrigatoriamente desde os 16 anos, idade penal no Estado español aínda que non eleitoral. Como é posíbel logo ese milagre que faga aparecer nunha manifestación cidadáns anónimos? Deixando á parte a absoluta falta de coñecemento do significado das palabras que non podemos atribuír a un traballador dos medios de comunicación dada a cualificación que se lle supón, pode ser debido a unha copia do inglés, mala copia, xa que o seu significado aínda tendo a mesma procedencia latina non é igual que en galego ou en español ou en francés, nen moito menos. Nese caso, anónimo pode ser entendido como descoñecido; aquí anónimo é o que non ten nome (non existe) ou nun escrito é quen de se agachar.

Por iso, traducir expresións que non están vinculadas coas diferentes realidades sociais que sosteñen os contidos das palabras conleva certos riscos que non asumen os que cren que todo o monte é ourego. Na tradición británica, que foi continuada nos EE UU., os cidadáns non teñen cédula identificativa persoal. Non hai Documento de Identidade, non hai pegadas dixitais dos cidadáns, só daqueles que por cometeren un delito foron identificados desa maneira, e os seus rastros dixitais pasan a formar parte dun expediente de delincuente: os cidadáns destes países —os non coñecidos— son os que nunca delinquiron e son, para o sistema xudicial e policial, anónimos —unknown— tanto que mesmo mudan o seu nome baixo certas condicións. Esta aparente liberalidade no control non é máis que aparente. O seguimento da vida cidadá de cada residente é exhaustivo, desde as expulsións do colexio ás multas de tráfico forman parte do historial de cada residente. Alí hai cidadáns descoñecidos porque nunca delinquiron, o máis parecido a un anónimo.

Comentarios