sábado. 30.05.2020 |
El tiempo
sábado. 30.05.2020
El tiempo

Cuestión de limpeza

Hai un acordo, comunmente aceitado, sobre o papel das crises no avanzo social. En concreto, no referente á hixiene e limpeza en xeral vai haber un grande avance social, aínda que sexa en recordación de épocas pasadas. Se comezarmos polo cómico —e mesmo inexplicábel—deberemos citar a compra compulsiva de papel hixiénico nos primeiros días do confinamento. O único fío de relación posíbel entre papel hixiénico e medidas de prevención de contaxio de tipo hixiénico, é xusto ese adxectivo. Cren entender os estudiosos da conduta dos humanos —consumindo como masa descerebrada— que foi esa identificación a que levou ao amoreado inaudito dos anteditos rolos.

Tamén contemplamos as forzas armadas limpando rúas e desinfectando locais públicos co rango de misión heroica: deunos por pensar que por fin eclosiona a función de limpeza como esencial. É dicer, agora que un corpo militar de emerxencia emprende batalla contra o lixo, a roña e mais a porcallada pegañenta que por mor do desleixo e falta de coidado existe nalgúns lugares, pensamos: por fin vai ser recoñecido como imprescindíbel o labor das mulleres limpadoras, así como da vixilancia pública do cumprimento dos contratos de limpeza co extremo empeño como se dunha desinfección hospitalaria se tratar. Hai tantas mostras de descoido na vida das nosas cidades que agora queda de manifesto que os aforros en limpeza son ao final grandes custos en desinfección e inseguridade sanitaria. E xa postos a entrar no asunto sanitario, de certo o cambio nos centros sanitarios vai ser tal que non quedarán recoñecíbeis, aínda que moito máis perto dunha certa garantía de hixiene. 

Observando só os hospitais públicos e modernos, estes que coñecemos de última xeración construídos todos nos últimos 20 anos, vemos que o avanzo social foi regresivo. Atrás quedaron nas principais cidades galegas os vetustos hospitais, algúns deles vivos como xoias arquitectónicas con rol unicamente de hospitalización: internamento, cirurxía e/ou curación de infeccións. Os amplos corredores, grandes dormitorios, fiestras con garantía de ventilación directa, paredes, piso e teito perfeitamente desinfectábeis cos meios da época, permitiron durante moito tempo considerar que os hospitais eran un centro máis seguro que un hotel ou un domicilio para illar enfermos infectados. Certamente non había consultas externas, polo que os hospitais non reunían masas. Hoxe son equivalentes, por semana, a un campo de fútbol de primeira. Non sei se foi un pouco de inconsciencia, un pouquiño de confianza ilimitada nos adiantos técnicos ou pura e simplesmente copia doutros modelos asistenciais, o caso é que os hospitais galegos parécense máis —hixienicamente falando— ás feiras tradicionais que a centros sanitarios. Antes de seguir, solicito a venia para falar, pero é perfeitamente observábel como hai que gardar normas hixiénicas para entrar nunha granxa e non para acceder a un hospital; neste entra calquera: sans, enfermos, infectados, crónicos, sen diagnosticar, en tratamento de todo tipo…, traballadores externos, traballadores internos, subministradores…, sen nengún tipo de restrición, exame ou desinfección. E logo, para acabar de mellorar, un ar acondicionado que ten o vicio de transportar por tubaxes virus, bacterias e toda canta miasma se lle poida vir á imaxinación a unha observadora leiga como a que subscrebe.

Cuestión de limpeza
Comentarios