viernes. 06.12.2019 |
El tiempo
viernes. 06.12.2019
El tiempo

Facerse rico

O señor Álvarez Pallete, presidente executivo de Telefónica, gañou o ano pasado 5.407.782 de euros

NA ÉPOCA dourada do goberno socialista, da parte de Felipe González e Alfonso Guerra, dixéronse dúas frases a cada cal máis enxeñosa (?), unha: "Cando deixemos o goberno a España non a vai coñecer nen a súa nai" e outra: "España é o mellor país de Occidente para se facer rico". Frases, feitos e grupo de amigos afortunados pola nova riqueza perviven até os nosos días e foron quen de crearen escola para propagar uns tipos de conduta ávida de negociazos en moitas ocasións nacidos nas fontes públicas. Tal cal se pode observar agora, pasados máis de 30 anos.

Por unha parte, a soa cita dos ingresos anuais do presidente executivo do consello de administración de Telefónica pode resultar escandalosa non pola cifra (son cifras da magnitude dun xogo onde non entramos o común dos mortais) senón pola orixe dos mesmos. O Sr. Álvarez Pallete, presidente executivo de Telefónica, gañou o ano pasado 5.407.782 de euros. Non se pode discutir o valor absoluto da cifra, xa que representa a remuneración do labor extraordinario dun xefe de compañía único na súa especie e, como é lóxico, hai que pagalo de acordo coas súas aptitudes e méritos asociados: remunérase porque é adecuado á compañía dicerlle ao mundo: "Mirade se son importante que podo remunerar ao director xeral con case 5,5 millóns de euros ao ano".

Estamos dicendo, sen ironías, que forma parte da batalla de competencia entre as compañías que dominan no seu campo o mercado mundial, o efeito demostración de poder, usando para ese fin os soldos dos directivos. Telefónica é a 5ª compañía no "ranking" mundial de telecomunicacións, e, nesa especie de guerra que é a competencia de mercado, os soldos dos membros dos consellos de administración forman parte do emblema/ estandarte representativo da propia compañía. Non responde, por tanto, ao pago da valía dun executivo, senón que é á inversa: é o soldo do executivo o que é un escaparate do valor da empresa. Diciamos, logo, que non debemos discutir o tamaño do soldo do citado director senón que o especialmente rechamante neste caso é que a compañía vai perdendo negocio desde 2010 e non remonta; pola contra, tanto o presidente como o conselleiro delegado, sr. Vilá, gañan máis cada ano.

Desde 2010 até 2017 a cifra de negocios foi diminuíndo ano a ano, o resultado operativo proprio tamén, e o resultado neto foi en 2017 a terceira parte do de 2010. Con este panorama xa é moi difícil manter o razoamento anterior de bandeira da empresa que, brillando e medrando, transmite aos seus executivos, que son persoas individuais representativas da corporación, un valor medido neses 5,5 millóns de euros anuais. Non se entende nada, xa que gañan máis, e a empresa está decrecendo. Que é o que nos estamos perdendo? Os accionistas deciden seguir remunerando en crecemento aos seus executivos aínda que non estexan mellorando os resultados? É agora aceptábel para unha multinacional seguir unha senda de menor beneficio cada ano e poder presumir de fortaleza? Estaremos ante unha nova era postcrise, e non sabiamos nada?

Facerse rico
Comentarios