sábado. 16.11.2019 |
El tiempo
sábado. 16.11.2019
El tiempo

Factor común

 

PUBLICAR O día de Noiteboa algún tema que poida ser reputado como negativo é aguarlle a festa a todos os que están vivendo a felicidade propria destes días, case é cruel, non imos facer iso. Certo é que agora, neste século, fálase moito máis de consumo que de paz, polo que semella que hai un consenso xeral en que ter con que comprar cousas—nomeadamente as que anuncian— é unha garantía de desfrute das festas. Imos esquecer tamén as causas de que uns teñan con que comprar e outros só con que mirar. Polo tanto, acudindo a esa especie de convocatoria tácita de estado de felicidade proprio da época, non imos falar nen de asesinatos de mulleres, nen de naufraxios na nosa costa, con perda de vidas dos traballadores, nen de crise no pequeno comercio, nen de paro xuvenil e precariedade laboral, nen do papel que desempeñan os inmigrantes no mercado de traballo nen dos soldos conxelados de funcionarios e xubilados: estamos de tregua e hai que pór cara de felicidade, polo menos, relativa.

Razoando así, hai un asunto que si podemos tratar sen ferir a sensibilidade de ninguén, que é o tema do lucerío vigués: debo recoñecer e recoñezo que o Alcalde, Abel Caballero, tiña razón: hai que pensar ao grande e actuar idem para alimentar os soños dos que non podendo atopar unha boa perspectiva de futuro, para aqueles que teñen problemas cotiáns de difícil solución (que estarían incluídos nos anteditos temas que non se deben tocar), albisquen unha esperanza de mellora. Se hai xente impedida que saíu da casa para ver o alumeado, se hai vigueses que pensaban que a crise aínda tiña vida, se hai parados que os contrataron estes días para servir cañas e bocadillos, se hai outros que volveron ser empregados temporais de hostalaría, se hai turistas que cambiaron Madrid por Vigo para iren pasar a fin de semana e se asombraren coa luz (aínda que sexa contraditorio), a finalidade perseguida está conseguida, ergo, foi moi boa medida.

"Hai un asunto que si podemos tratar sen ferir a sensibilidade de ninguén: que é o tema do 'lucerío' vigués

Éranos moi difícil imaxinar que a publicidade e a propaganda conseguida concitase tan elevada convocatoria, á par que sentimentos de frustración popular, noutros municipios, onde o lucerío foi moito máis cativo. Se basta para cobrir expectativas vitais co aumento de consumo en Nadal, hai que o facer, xa que o grande público, que é o que vota, pode ser remiso ou insensíbel ao goberno dunha cidade realizada con sentido da equidade e da proporción dentro dunha orde estabelecida. É seguro que os vigueses e non vigueses que admiran ao Alcalde polas luces e o impulso ao consumo turístico non sexan quen de apreciaren o grau de lexitimidade adquirido a base dun arduo traballo a prol dunha xestión municipal acaída, expresada esta en función das definicións que o programa proposto se vai realizando.

Para o votante pouco avisado seguramente ten sido decisivo ver Vigo, ver citada a súa cidade, nas cadeas estatais de televisión, máis alá do fútbol, como modelo de algo— valen luces— que analisar o significado de poder utilizar o superavit orzamentario en investimentos.

Factor común
Comentarios