Opinión

O feminismo e as formas

HAI UNS días produciuse —por primeira vez nesta era— o relevo do emperador xaponés por medio da abdicación. Moitas cousas mudaron no Xapón despois da derrota na Segunda Guerra Mundial: o emperador deixou de ser deus, abaixouse ao terreo dos humanos, reinou nunha democracia homologada legalmente ao modo occidental, e, agora, por necesidade imperativa dos límites humanos, Akihito abdica no seu fillo, que asume o reinado case coas mesmas formas rituais da época pasada Meiji. A representación institucional na cerimonia real sitúa o papel das mulleres moito máis próxima á posta en escena dunha obra litúrxico/relixiosa exclusivamente de homes. De feito, o feudalismo nipón foi un sistema máis aberto e inclusivo que as etapas seguintes das que a actual herdou formas e contidos. En pleno século XXI o acto de abdicación nipón creou comentarios a respeito do rol feminino, comezando pola prohibición de acceder ao trono das mulleres, mesmo sendo fillas do emperador reinante. Naruhito vai ser sucedido polo seu sobriño varón, xa que a Constitución nipona vixente veta o acceso das mulleres á xefatura do Estado e ordena a sucesión con preferencia de varón, aínda de procedencia indirecta. Na Constitución española do 78 tamén se aprobou a preferencia de varón sobre muller na marca da liña sucesoria; por esa razón, reina Felipe en preferencia á súa irmá Elena, primoxénita. E tal como está hoxe a lei, se nacese un herdeiro varón na casa real tería dereito preferente sobre Leonor. E aquí rematan as semellanzas entre a sociedade xaponesa e a nosa: as semellanzas entre institucións ancestrais como a monarquía non din nada da sociedade. O avance no camiño da igualdade entre homes e mulleres ten un ritmo moi diferente dunhas sociedades a outras, e ten pouco a ver co degrau de desenvolvemento económico ou de riqueza neste caso. Xapón é a terceira economía mundial e España a décimo terceira, pero os logros legais e sociais na carreira pública feminina non teñen comparanza. Utilizando para este caso o Índice Global da Fenda de Xénero, o Estado español ocupa o posto 29 dos 150 mundiais considerados. Xapón, en cambio, está no posto 110, sendo o lugar de Estados Unidos o 51 e próximo a outras potencias desa parte do mundo como China e tamén a India. Os primeiros postos nesa listaxe corresponden a Islandia, Noruega e Suecia, países nos que a presenza da loita pola igualdade social e de xénero constitúe o eixo vertebrador de todas as políticas económicas. Non é unha política sectorial nen de familia como din agora na dereita española. Non se basea nun aspecto rechamante pola súa evidencia ou visibilidade como é a violencia manifestada fisicamente. As políticas con resultados permanentes que penetran en todos os poros do tecido social son en primeiro lugar perseguidoras da xustiza social, da redistribución da renda, da igualdade de oportunidades, da preferencia do servizo público sobre o privado e dos mecanismos de compensación humana dos danos colaterais do beneficio polo beneficio. En fin, políticas de preferencia da vida sobre o negocio.

Comentarios