Opinión

Os futbolistas e o fisco

HAI UNS días foi difundida a nova dun trato entre a Axencia Tributaria e o futbolista Cristiano Ronaldo: estúdase a posibilidade dun acordo para rematar co litixio derivado da débeda con Facenda do deportista. En síntese, de se cumprir o acordo, Facenda cobra unha parte do debido, Ronaldo recoñécese culpábel, non vai a xuízo, e permanece a vía administrativa para solucionar definitivamente o monto da fraude. En resumo, Facenda non o acusa de delito fiscal en 2014, mantén os delitos de 2011 a 2013, non procesa os seus asesores e permítelle seguir a discusión coa Axencia pola vía administrativa, mesmo a contenciosa, para determinar o monto da débeda. Deste xeito, Facenda ingresa máis ou menos con multas incluídas aproximadamente a metade (ou menos) do calculado como defraudado. Dado que se barallan cifras de entre 30 millóns de euros até 100 millóns de euros, e que hai penados cumprindo condena na cadea por 120.000 euros, pode resultar moi rechamante este tipo de acordos. No caso da fraude de Leo Messi, chegouse até xuízo en primeira instancia, houbo recurso ao Supremo que confirmou a sentenza condenatoria de 21 meses de cadea e o pago correspondente de 4,1 millóns defraudados. A execución de sentenza, non obstante, considerou que se podía librar de entrar no cárcere pagando unha multa de 510.000 euros, sumado a non delinquir, no tempo da condena.

Sucede que en case todas as cousas da vida hai máis dunha perspectiva de análise e, neste caso, tamén. Se nos poñemos a razoar en plan técnico de Facenda, funcionario que ten que tramitar os expedientes deste tipo, ao pior opinabamos que é lóxico o acordo na medida do seu carácter resolutivo e practico, pero nos tempos que corren, mesmo desde ese ponto de vista, é moi difícil soster a lexitimidade dun trato diferenciado simplemente polo suxeito infractor ou tamén polo tamaño da débeda. Xa non é defendíbel en boa ética civil que os suxeitos deportistas gocen duns privilexios legais á hora da declaración de haberes; que os futbolistas dispoñan de trato diferenciado se son só residentes ou se son españois de nacionalidade; que sexa unha práctica normal (por habitual) o pagamento en paraísos fiscais de parte das primas de contratación no mercado futboleiro internacional; que os proprios clubes asuman o pago empresarial de parte da débeda fiscal… Son demasiadas as diferenzas, as excepcións, como para non se sentir anoxada de contribuír desta maneira ao fondo que constitúen os ingresos fiscais do Estado español. Non podemos dicer que esa contribución sexa con alegría: é que non queda outro remedio. A acción de Facenda é obrigatoria, forzosa, baixo o peso esmagante da lei estabelecida (que vai cambiando de criterio cada ano, pero non afrouxa) e sen posibilidade algunha de negociación. Por iso, cando observamos os tratos cos futbolistas sempre nos queda a dúbida de se Facenda se humanizou de súpeto, ou se nunca xamais imos gozar do trato privilexiado porque nunca pertenceremos aos que poden defraudar 30 millóns de euros.

Comentarios