miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

Pedir perdón

Hai esperanza de cambio social, estamos certas de que se sabe distinguir o ben do mal feito, e que pode empezar a ter consecuencias sociais

PARECE COMO se, no ambiente social/político dominante, existise unha fórmula –copiada doutras sociedades, con outra ética social e con outras sancións sociais— pola que alguén que delinquiu debe pedir perdón. Escóitase esta especie de consigna tanto aos afectados/ vítimas dos atentados como ás vítimas de malos tratos, de abusos sexuais, como aos que se senten vítimas de abusos de poder, como aos afectados pola corrupción, como aos que sofreron nas súas carnes o latrocinio con violencia e sen violencia, ou mesmo aos estudantes a quen molesta repetir un exame por problemas co seu contido. E, non obstante, observamos algunhas diferenzas nos efeitos sobre as vítimas, e tamén nos efeitos reparadores para o conxunto de toda a sociedade, da declaración ou fórmula do perdón.

Realmente, que é pedir perdón? Pode ser unha resposta relixiosa, pero non necesariamente ética: estaríamos ante unha farsa que intenta, e ás veces consegue, un certo beneficio social. Pode ser unha verbalización de desculpas polo mal feito, tamén unha mostra de arrepentimento do dano inflixido expresado de forma pública. Mesmo pode significar unha actitude con vista a modificar a conduta e mais unha disposición para reparar o dano. No caso que se entende habitualmente nas sociedades de moral pública non católica (laica-republicana no caso francés, e protestante no caso dos nórdicos, anglosaxóns e saxóns) pedir perdón leva aparellado devolver, se arrepentir, non volver mentir e/ou abandonar con sanción pública o cargo exercido en actitude aleivosa (sexa este político ou de actividade privada). En moral francesa, británica ou holandesa, mentir desde un cargo público ou defraudar nunha empresa privada pode representar tal carga de sanción social negativa que obriga inmediatamente a unha demisión, un xuízo con toda a carga da lei (carga quere dicer con medios de investigación poderosos e rápidos) e pode querer dicer nalgúns casos non só pena de cadea senón o ostracismo social inapelábel. Só traio a colación as demisións de Profumo, Nixon ou Madoff (un seu fillo suicidouse, no segundo aniversario da detención do seu pai, por non resistir a vergoña pública).

No mundo no que a globalización pasou de ser un fenómeno económico a unha onda social ampla, os mesmos conceitos aplicados a sociedades distintas son distintos, polas súas orixes e polas súas consecuencias. Nunca (ou case nunca) nestes tempos se viu que en España a declaración de perdón levase aparellada unha emenda de acción, de actitude e de abandono da esfera pública como consecuencia do dano causado. Pedir perdón de palabra e non cambiar nada é unha bulra social: feita a declaración, non se derivan consecuencias, co que a situación non se altera nen os atinxidos poden esperar cambio algún; realmente, aquí e agora, a declaración de perdón pensamos que pode ser inútil no sentido social xa que non arrastra nengún efeito. É moi fácil dicer que se pediu perdón e non modificar a conduta. Non obstante, hai esperanza de cambio social, estamos certas de que se sabe distinguir o ben do mal feito, e que pode empezar a ter consecuencias sociais aparte das penais.

Pedir perdón
Comentarios