Opinión

Programas de goberno

CANDO EU estudaba no Instituto Feminino, tamén chamado Virxe dos Ollos Grandes (por certo, e se se me permite a digresión, a talla da Virxe da Catedral de Lugo foi chamada así popularmente polos ollos, máis que grandes, saltóns, vale dicer, con exoftalmos tiroideo padecido pola modelo do escultor), tivemos un profesor de Física e Química que desfrutou dunha bolsa (financiada por Antón de Marcos) nos USA a fin de facerse cos coñecementos precisos para adaptar en Galiza o cultivo da alfalfa forraxeira. Non sei como acabou o asunto da alfalfa pero, polo que sabemos hoxe, non debeu de ser un éxito a súa implementación, o que non vai en demérito da busca nen da investigación louvábel e necesaria en calquera proceso de progreso económico e social, mesmo neste caso na procura da mellora agrícola e gandeira do país.

O citado profesor, señor Plata Astray, contribuíu coas súas explicacións da vida cotiá nos Estados Unidos a un certo desencanto, mesmo antes do encanto, das esencias da democracia americana. Aquí non había democracia e os pósters de Kennedy (John e Robert) ocupaban o mesmo espazo que os Beatles, Elvis ou Paul Newman.

O caso é que nos explicou que os ianquis votaban e preferían a Kennedy sobre calquera outro candidato porque era guapo, atractivo, gostaba ás mulleres e gozaba de admiración entre a masa de homes sen poder, porque el era poderoso e tiña éxito social. Resumo: arrasaba nas votacións. Os discursos ían dirixidos aos sentimentos e arengaban aos ouvintes provocando un entusiasmo no bordo do delirio. A xente que formaba o seu público, fora presencial ou a través da radio e a televisión, ficaba enardecido de dita.

Con este fío argumental entendías, se querías, que a posta en escena, a creación do espazo teatralizado adecuado, a imaxe composta, a parafernalia familiar de saga irlandesa con éxito (mesmo a pesar das dúbidas sobre a limpeza da fortuna paterna), a presentación da propria familia, modelo con esposa modelo incluída, compoñían un conxunto, unha construción ideal, que xogaba ao seu favor na mente dos votantes, e que, sen coñeceren nada en absoluto do seu programa de goberno, estaban en disposición de cederlle, entregarlle, o seu voto como sinal de confianza absoluta para o goberno das súas vidas. Visto que aquí chegou a democracia formal en 1978 e que case sempre por cuestións de degrau de desenvolvemento, levamos uns anos de retraso relativo a respeito dos USA, é totalmente ‘natural’ que hoxe aquí reine no mercado dos votos unha preponderancia da imaxe sobre o contido, prime a posta en escena sobre o exame da realidade, o contido dos discursos (no caso de existiren) diríxese aos sentimentos e non á exposición dos programas. Búscase a adhesión en lugar da análise ou do razoamento. Xusto nun momento en que sería tan necesario contar con propostas de goberno ben incardinadas nun plano de acción conxunta público/privado para levantar esta cidade (outras cidades galegas igual) do seu adormecemento, do seu letargo, e, por desgraza, só contamos con imaxes.

Comentarios