viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

Propósito de emenda

FALABAMOS DO perdón como acto de orixe relixiosa e típico de sociedades onde a moral reinante considera unha falta moi grave, inadmisíbel socialmente, mentir. Non obstante, nas sociedades latinas / predominantemente católicas, mentir é un pecado venial en relixión e socialmente nen se contempla como falta. Nas culturas en que mentir é inadmisíbel —socialmente falando—, o control da comunidade sobre os actos moralmente reprobábeis xoga un papel dobre: disuade e máis castiga por fóra e por riba da lei. Por esta razón, a lei, o conxunto de normas legais, cuxa violación supón unha sanción negativa, vese reforzada pola sanción social: illamento, reprobación, mala referencia curricular…e, polo mesmo, existe un control persoal ou autocontrol que impede pedir perdón como escenificación dunha mentira.

Nas culturas vinculadas á moral católica, non só é admisíbel dicer mentiras, senón que mesmo hai unha longa restra de tipos de mentira (piadosas, instrumentais, rumores...) e, mesmo, admítese en xuízo mentir como arma de defensa. Así as cousas, de que vale pedir perdón sobre actos da vida pública? Que significado pode ter pedir perdón se non hai reparación? Que ben social se deriva se despois de apropriarse de bens públicos, dos que só se exercía como administrador, se pede perdón e non se restitúe o valor do mal habido? Pode unha fórmula de perdón –máis ou menos cínica– abondar para reparar o dano causado? Mesmo desde unha perspectiva de ética exclusivamente privada e referida ao intercambio persoal, pedir perdón, sen reparar o dano e sen demostrar que non volverá suceder, non ten validez ningunha. E, por riba, como se mede en termos sociais, a intención do que se desculpa, xa que obra esperando que pedir perdón signifique esquecer o dano cometido.

A sociedade no seu conxunto, cando se cometeu un erro, falta ou delito, xa ten sancións dabondo para reconducir os actos mal inclinados do suxeito que se desviou do camiño recto. Favorece a súa imaxe que se arrepinta do mal causado, mesmo pode ser un indicio da intención de non volver delinquir, pero, salvo que a conduta observada acompañe as palabras, non debería obrar no seu favor usar a fórmula do perdón en beneficio propio.

Toda esta digresión é para nos referir directamente á estrañeza mostrada polos dirixentes do goberno saínte cando triunfou a moción de censura e deu como resultado o cambio de goberno: ficaron desprazados, sen tempo para asimilalo, e toda a ocorrencia dun dos seus portavoces foi dicer que non entendía o que sucedía dado que "pedimos perdón" millenta veces. Aí está o detalle. Se alguén en exercicio das súas funcións públicas debe pedir perdón cada día, é que non se enteira de cal é o camiño correcto, en goberno dos demais, e de si mesmo. Se é preciso andar cada día escusándose, pedindo perdón, desviando a atención ao mal que outros fixeron, botando balóns fóra coma quen "eu non estaba xogando", e volvendo pedir perdón coa boca pequena, é normal que sexas expulsado do xogo: a ver se cambiando os xogadores cambia o xogo.

Propósito de emenda
Comentarios