domingo. 20.09.2020 |
El tiempo
domingo. 20.09.2020
El tiempo

Que industrias?

SEMELLA HABER un acordo case unánime —entre os economistas preocupados pola situación económica actual— sobre o fracaso do modelo de crecemento baseado no turismo, así como en actividades encadeadas no crecemento industrial alleo. É como se durante a pandemia se puxese de manifesto que sen industria e mais sen a produción de recursos proprios non se pode subsistir.

Na economía galega hai industria propria e tamén instalación de factorías de compañías multinacionais cun vínculo moi cativo coa economía do país. Temos unha robusta produción de alimentos, uns en forma de materia prima ou directamente utilizábeis para o consumo, e outros empregados na transformación industrial, vendidos no mercado galego, no español e no mundial. De feito, en plena pandemia, non cesou a produción de alimentos e de novo pasou algo semellante á guerra incivil: unha boa parte do Estado español alimentouse grazas á produción galega: houbo leite, carne, pan, verdura e pescado, xunto coas conservas, para surtir mercados ben máis grandes que o galego. Pero existen así mesmo no tecido industrial componentes negativas —ausencia de certas industrias— ou mesmo mancas do modelo económico dominante en forma de desinvestimento —hoxe crónico—, de xeito que o significado económico das factorías de compañías multinacionais instaladas aquí e con vocación exclusivamente de negocio internacional non representan o tecido industrial do país.

O futuro industrial da Galiza ha pasar pola promoción de industria propria de calquer tipo coa condición de que sexa nacida do capital e recursos proprios e mesmo con aforro proprio. Esta industria xa existe —ou existiu no pasado inmediato— pero está necesitada de apoios institucionais do tipo dos da industria nacente, como é caso da transformación de lácteos, de carne, da madeira, da pedra, de certos minerais exportados como materia prima, da construción naval, e mesmo da artesanía de bens duradoiros, incluídos os de luxo.

Estas industrias arroupan unha longa serie de outras relacionadas —desde as de envases até á ebanistaría de buques e iates de luxo— que precisan da base inicial para viver e progresar. Noutros casos hai elementos en potencia aptos para seren activos industriais. A industria de transformados alimenticios ten aínda un grande percorrido posíbel: en lugar de vender (exportando) materias primas, temos vocación de fornecer o mercado de lácteos e cárnicas perfeitamente elaborados en factorías galegas.

A florecente industria alimentaria estabelecida en Cataluña, por exemplo, fornécese de materia prima galega e volve ás tendas de distribución elaborada con marca e valor engadido non galego. Aí reside o valor económico da industria de transformación e aí xusto tamén esta o niño de creación de emprego. Non é preciso ter adoración pola innovación só asociada ás novas tecnoloxías: unha innovación exitosa é crear un novo produto e poñelo no mercado: desde o mexillón de batea á lura de Boston, o fletán doutro lado do Atlántico, os automóbeis Barreiros... Da nosa pericia e exclusividade na construción naval non é momento de falar sen poder, por agora, esixir responsabilidades políticas aos seus enterradores.

Que industrias?
Comentarios