Opinión

Resgate bancario (e II)

O PAPEL DO Estado en economía non queda reducido ás medidas de apoio con desembolso, tal e como citabamos no anterior artigo. Fixémonos nas leis, e, desde logo, nos regulamentos para comprobar que a intervención vai moito máis alá da subvención, das obras de infraestrutura, das comunicacións a cargo das administracións públicas ou do sinal colocado en actividades económicas denominadas de interese xeral, estratéxicas.

A regulamentación dos horarios comerciais atinxe non só aos que teñen interese en horarios continuados, que van abrir 12 horas durante 6 días á semana, é dicer, as grandes superficies, senón que quedan atinxidos, neste caso, paradoxalmente feridos pola libre competencia, os pequenos comercios sen empregados que se atopan na disxuntiva suicida de abrir 12 horas 6 días á semana para intentar competir en horario cos grandes. Alternativa inútil, xa que estar 72 horas semanais co estabelecemento aberto non garante en absoluto lograr máis clientes: neste caso a autoexplotación non é quen de producir nada, so estrés.

O rol do Estado cumpre neste caso o seu cometido histórico: remar na dirección do vento dominante e nalgún caso –favorecer a certos colectivos de autónomos— facerse cargo dos danos colaterais dunha política a favor abertamente dos poderosos en termos económicos. Por estas razóns é perfeitamente comprensíbel que os colectivos —nomeadamente traballadores asalariados— de afectados por peches de factorías se dirixan ao goberno, en petición dalgunha medida paliativa da situación creada, despois dun peche patronal. Reúnen unha serie de boas condicións para que a conciencia de situación oriente as súas demandas ao goberno.

Por exemplo, en Alcoa viveron nunha empresa subvencionada, desfrutaron dunhas condicións laborais mellores que a media do entorno e compáranse cos traballadores da mesma compañía noutros países. É dicer, viveron laboralmente con boas perspectivas. Demandan seguir igual. É moi difícil dixerir que Alcoa vai pechar porque é o plan da empresa. Pero o Estado, que pode incentivar, axudar, regulamentar, colaborar…, non pode utilizar sempre nen de forma omnímoda o seu poder de intervención xa que queda reservado para aquel tipo de actuación imprescindíbel en época de crise: a da banca. A razón é certamente sistémica: sen producir bens industriais pódese sobreviver (polo menos diso queren nos convencer), no mercado global hai onde se abastecer.

No mundo prodúcese de todo, só é preciso ter capacidade de compra, e, non obstante, se cae un só naipe do castelo financeiro arrampla con todo o restante aparato financeiro/produtivo. As razóns veñen da incardinación estrutural de toda a economía no aparato financeiro: desaparecida a confianza no funcionamento do sistema bancario e crediticio, o pánico arrasaría con todo. Hoxe non hai forma de funcionar sen o respaldo da banca, que ten dúas misións na economía: unha, prestar a crédito os fondos necesarios para o funcionamento das actividades produtivas (e mesmo para o consumo) e outra, igualmente importante, ser depósito da confianza do sistema monetario, último referente da medida do valor das cousas no mercado. No capitalismo non se pode deixar caír o sistema bancario. Outra cousa a analisar –poderíamos facelo noutra ocasión– e coñecer como traballaron os banqueiros: ben, mal, regular, ou mesmo delituosamente.

Comentarios