Viernes. 22.06.2018 |
El tiempo
Viernes. 22.06.2018
El tiempo

Desta vai!

O foro 'As mulleres que opinan son perigosas', celebrado en Galicia a fin de semana, deixou un ouco de afouteza cara o 8 de marzo

O lazo violeta é o símbolo do 8 de marzo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
O lazo violeta é o símbolo do 8 de marzo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

"NO HEMOS  venido a hablar de mujeres. Hemos venido a cambiar el mundo". As palabras de Rosa Montero encheron o teatro Principal de Pontevedra de entusiasmo. No patio de butacas, xornalistas en activo e en proceso de reinventarse, estudantes, xornalistas xubiladas, opinadoras de medios locais e nacionais. Pero tamén mestras, concelleiras, presidentas, médicas, amas de casa, dependentas, autónomas, nais felices e nais arrepentidas e homes, algúns homes con ganas de escoitar a catorce das mulleres que decotío asoman coa súa opinión ós medios e que durante dous días expuxeron moito máis que a realidade da súa profesión sobre as táboas. 

A cita naceu na Boa Vila e voou polas redes coa única vocación de responder a un congreso nacional de xornalistas celebrado hai uns meses que obviou que a metade da poboación é feminina e ten moito que dicir, e co obxectivo de non ter que repetirse. Porén, coa sororidade flotando no ambiente, non é estraño que unha corrente cómplice de afouteza empezase a bulir entre as persoas que alí coincidiron, ata o punto de que unha das organizadoras, Susana Pedreira, non se resistiu a rematar cun "ogallá nos vexamos o ano que vén nunha segunda edición".

O encontro catapultou o sentir de cantas persoas cremos na igualdade de oportunidades, na non discriminación, que outro mundo máis xusto é posible e que hai que ocupar novos espazos para acadalo.  

Ver a Elisa Beni erguerse dun sofá do atrezzo con tanta forza como para soster sobre as súas palabras de tacón de agulla un escenario enteiro; a Celia Blanco deliciosamente provocadora atrapar a gargallada do aforo coa sátira como ferramenta implacable contra o machismo; o compromiso feminista de Ana I. Bernal Triviño malia a permanente sombra do acoso; a honestidade de Diana López Varela coa verdade núa fronte á audiencia; a xenerosidade dunha grande como Anita Botwing, que enlaza o día a día co fío da dor e a diversidade; a maneira hipnótica que ten Marta G. Aller de falar de economía mudando a prima de risco polo patio dun colexio; ou o pincel de Enma Gascón trazando o van real da sereíña, e as charlas ‘entre bambalinas’ coa súa nai —unha catedrática de latín de ascendencia galega con moitas ganas de aprender— debuxaron un futuro violeta para as xeracións que veñen detrás. Alí, diante dun público enteiro, entregado e participativo que se sacudiu os micro e macromachismos nun domingo de marzo en directo e vía streaming.

Deu o foro a posibilidade de escoitar unha conversa reveladora entre directoras de medios de comunicación, con María Obelleiro e a lucense Ana Pardo de Vera, e un debate indomable sobre a maternidade entre a voz literaria de Inma López Silva, Celia Blanco e Fernanda Tabarés. Canto recollido en tan pouco tempo. "Estamos subiendo un escalón de la historia, muy pequeñito, pero es un escalón, y eso muy difícil", advertiu a referencia Montero recollendo o aire entre os dedos polgar e índice. Á mañá seguinte, a xornalista Lucía Taboada confesaba en Twitter ter amencido empoderada. Supoño que non foi a única. Convencidas de que xa non hai volta atrás, ninguén dubida xa que calquera foro, por tradicional que sexa, nunca poderá ser universal se prescinde da voz das mulleres. Que, sen dúbida, como dixo Fernanda Tabarés na despedida: "Desta vai!"

Desta vai!
Comentarios