martes. 01.12.2020 |
El tiempo
martes. 01.12.2020
El tiempo

A patria nos ollos

Como saben, foi Rainer María Rilke, o poeta que morreu a causa da espiñada dunha rosa, quen escribiu que a verdadeira patria do home é a infancia (Do home porque, como é sabido, daquela as mulleres iamos -se é que iamos- incluídas no masculino xenérico. Agora tamén; mais moitas persoas procuramos escapar da norma).

Este venres é o Día Universal do Neno (e da nena, xa que logo), data elixida pola Onu por coincidir coa da aprobación, en 1959, da Declaración dos Dereitos do Neno. Como estes dereitos, ao non ter carácter vinculante, eran papel mollado en boa parte do mundo, en 1989 e tras dez anos de debates, aprobouse un texto coas conclusións da Convención sobre os Dereitos do Neno, esta vez si de obrigado cumprimento para todos os países asinantes.

Semella obvio; porén, non estaría de máis que o primeiro artigo desta Declaración consagrase o dereito dos nenos e nenas a séreno.

Vexo con canto agarimo e dedicación a miña ampla familia trata aos máis pequenos. Constato que todos procuramos encherlles a memoria e os soños de descubrimentos e experiencias que non esquecerán, a construír esa patria da que falaba o poeta e que eles e elas levan nos ollos.O mesmo observo no ámbito en que me movo. En contraste, os medios de comunicación fornécenme infancias roubadas, tristes patrias nos ollos dos máis tristes.

Os máis tristes, os nenos e nenas da guerra, das catástrofes, da fame, do abandono, da explotación sexual e laboral, do acoso escolar, da incomprensión, dos abusos, da violencia na casa, da violencia na rúa, do medo...

E unha querería achar un colo inmenso, un colo que abranguese o mundo para acollelos a todos e crialos na solidariedade e fraternidade universais. Para lles contar que a terra é a casa común e que, se nos respectamos e aceptamos a diferenza, a humanidade enteira cabe nela e poderá ser feliz.

Velaí o propósito desta conmemoración: concienciarnos de que os nenos son os máis vulnerábeis e prexudicados polas inxustizas, desigualdades e conflitos que teñen lugar ao longo e largo do mundo. E, doutra banda, dar a coñecer os acordos da Convención sobre os Dereitos dos Nenos porque, sen saírmos do noso país, é ben doado identificar condutas que os vulneran abertamente.

A tergo disto, véñenme á cabeza a cantidade de manipulacións ás que son sometidos. Agora mesmo, a mentira de que se lles quere furtar a lingua española cando, en realidade, a que se lles está furtando aquí é a propia.

As miñas sobriñas-netas sevillanas irán de manifestación porque, segundo lles explicaron, o goberno vailles quitar o colexio. Teñen 6 e 8 anos e estudan nun centro concertado.

U-lo dereito á verdade? Pronto llelo negan.

A patria nos ollos
Comentarios