Opinión

A voracidade dos térmites

FALAR DOS térmites, mesmo sendo leiga na materia como é o meu caso, daría para moitas máis liñas das que dispoño. Porén, o meu propósito non vai máis aló de utilizalos como metáfora do poder destrutivo e a miúdo imperceptíbel de certas especies. Adoitamos subestimar o seu potencial, porque non son máis que pequenos insectos fronte ao tamaño de grandes edificios. Secasí, os grandes edificios caen baixo o imperio da forza multiplicada por tantas mandíbulas e da non menos forte organización social.

Outro tanto pode acontecer coas políticas dalgúns políticos que, por disparatadas, coidamos que se descualifican por si soas e, á fin, resultan inocuas ao non teren quen as apoie. Falso de toda falsidade.

Seica para facer un tipo de bombas artesanais meten en olas a presión ferragachos diversos: parafusos, porcas oxidadas, candeados, cravos e mil refugallos metálicos máis, no propósito de conseguir a maior capacidade ofensiva posíbel. Así os programas e medidas dos políticos-térmites.

Elabóranse tamén con revoltos de prexuízos, tópicos de toda caste, insolidariedades varias, populismos demagóxicos e ignorancia atrevida (pleonasmo). Unha bomba, así mesmo, de consecuencias imprevisíbeis que manexan persoas con menos cerebro que os insectos amentados.

Por iso, porque non é ciencia ficción falar das distopías que estes iluminados poden instaurar, hai cousas que deberían estar salvagardadas por leis que, na práctica, fosen imposíbeis de abolir. Tratados para o desarme ou dereitos da infancia, por exemplo, cos que Trump fai pelotas de papel. Medidas contra a contaminación, o cambio climático, a violencia de xénero, o maltrato animal ou a xenofobia que outros por aquí pretenden derrogar. Idiomas de noso ao arbitrio de gobernantes que os desprezan e, no canto de sumar, queren substituír pola lingua do Amo Universal. En fin: todo o que foi construído a forza de sangue, suor e intelixencia, en aras dun mundo mellor e con máis garantías de futuro. Cultura, en definitiva.

No canto de entenderen a acción política como progreso en humanidade e valores cívicos, ofrécesenos o triste espectáculo da aldraxe, o "matonismo", a maledicencia e a provocación por babor e por estribor. Mentres, moita xente debe seguir a facer malabarismos para ter as cousas máis elementais. E baixo a algo moi concreto: O paso dunha Risga a unha pensión non contributiva trae consigo uns meses sen a unha nin a outra. Claro que, como é de supoñer, a primeira, ao ser tan alta, dá para que os que a reciben aforren en previsión da lentitude burocrática.

Señoras e señores gobernantes, déixense de lerias e gobernen a favor da maioría social.

Comentarios