sábado. 16.11.2019 |
El tiempo
sábado. 16.11.2019
El tiempo

Da alegría

HAI UNHA cita moi socorrida de Paul Claudel que sempre aparece descontextualizada: "Failles comprender que eles non teñen outro deber no mundo que a alegría". Pertence á terceira parte da súa ‘triloxía’, a titulada O pai humillado. son palabras que pon en boca do Papa Pío, dirixidas ao seu sobriño Orian, namorado igual que o seu irmán Orso da filla do embaixador de Francia, Pensée, unha rapaza moi intelixente, cega e de orixe xudía. Na liña de moitos personaxes do dramaturgo e poeta francés, a paixón e o desexo teñen que ser purificados pola renuncia e a fidelidade a un ideal ‘superior’, neste caso o amor ao seu tío que o aconsella. Estes heroes adoitan rubricar coa morte o sacrificio.

Talvez a morte en vida de Camille, a irmá escultora, amante, colaboradora e musa de rodin, que pasou os seus derradeiros trinta anos nun psiquiátrico. O busto que este lle fixo titulouse La pensée

Non temos outro deber no mundo que a alegría? Dito diante das cousas que vemos a cadora nos medios, ademais do mal natural que acompaña á vida, non parece doado de cumprir. Porén, convennos.

Edward Aloysius Murphy, si, o enxeñeiro espacial que enunciou a coñecida lei da torrada, que sempre cae do lado da manteiga, asegurou que a alegría é o ingrediente principal no composto da saúde. Moito antes de que coñecésemos o papel da serotonina nos estados de ánimo, tan ligada a súa produción ao gozo, xa o pobo o sabía. Máis unha vez lembro unha estrofa da canción popular ‘Con el guri guri guri’ que di así: "alégrate corazón / aunque sea por la tarde/ corazón que no se alegra / nunca cría buena sangre".

Vén todo o anterior a conto das festas das que hoxe é o día principal. semella que nos temos que aledar a prazo fixo e non é iso exactamente. Desde un enfoque condutista, simplificando moito, os escenarios lúdicos e de xolda fannos esquecer os problemas e situármonos no lado positivo da existencia. Nese lado adoita morar a alegría. Digamos, xa que logo, que se trata de cargar as pilas, como en metáfora ben atinada se acostuma a dicir.

Certos libros de autoaxuda ou mensaxes edulcoradas que chegan ás veces por internet, propugnan, por riba de todo, a propia felicidade. Certo que non podemos facer felices aos que nos rodean se non o somos nós. De calquera maneira, entre o sacrificio que Claudel lles esixe aos seus protagonistas e o egoísmo que se nos recomenda, debe haber un punto medio. Semella que Rabindranath Tagore o achou: "soñei que a vida era alegría. espertei e vin que era servizo. servín e vin que o servizo era alegría". en todo caso, ese servizo hai que repartilo. Non é cousa de reservármonos a alegría enteira para nós, non lles parece?

Da alegría
Comentarios