lunes. 16.09.2019 |
El tiempo
lunes. 16.09.2019
El tiempo

De novo Epulón

Adoitamos converter en nome propio o que é un nome común. A Biblia, concretamente o Evanxeo de San Lucas 16, 19-31, nunha parábola moi pertinente para estes tempos de aporofobia (temor e desprezo dos pobres), racismo e xenofobia, fala dun rico epulón, é dicir, hedonista e afeccionado ás grandes festas. Este comellón, insensíbel á miseria e necesidades do próximo, o próximo neste caso personificado en Lázaro, o home chagado e famento do que soamente se compadecen os cans, que lle lamben as feridas, acabará nunha vida futura, no alén, envexando a sorte do que fora desgraciado nesta beira.

Deixando á parte as crenzas de cadaquén, a mensaxe de solidariedade cos seres humanos e a denuncia dos epulóns de toda caste, atinxe a todo o mundo. Non son precisos nin o ceo nin o inferno para nos conmover diante do drama que protagonizan seres humanos coma nós.

Os migrantes e as migrantes que se botan ao mar fuxindo da guerra, a fame ou a persecución, teñen, como habitantes que son deste planeta, dereito a atopar un lugar nel. E, en todo caso, cómpre lembrar a historia para recoñecer dúas cousas: nós tamén fomos emigrantes, moitas veces sen papeis e países europeos, entre eles o noso, espoliaron as riquezas de moitos dos que se ven obrigados a deixar o seu agora.

Vén todo o anterior a tergo do lamentábel episodio do Open Arms, retido en Lampedusa até hai dous días. Pero hai máis agardando porto, como é o caso do Ocean Viking no que mesmo viaxan feridos de guerra por teren pasado por Libia.

En primeiro lugar, Europa, a Unión Europea, é Epulón porque incumpre os acordos sobre os refuxiados deixándoo ao arbitrio de cada país que a integra e iso sumado á vulneración das leis marítimas, de obrigado cumprimento. Non fai o mesmo co Sacro Imperio do Capital, que quere manter incólume en cada Estado. Culpábel, xa que logo, a UE por non deseñar unha política clara neste senso, á altura dos valores humanos que di profesar.

Epulón Trump, Salvini, Abascal e quen os secundan. Epulón o deputado Marcos de Quinto, de Cs, multimillonario e tan ignorante que el mesmo non o sabe, quen se atreveu a escribir un tuit referíndose aos «bien comidos pasajeros que costearon su viaje con las mafias» e respondeu con insultos a quen lle plantaron cara. Así as cousas, moitos barcos non cumpren coa lei marítima que obriga a auxiliar aos que están en perigo. Saben que non atoparán porto e non se expoñen a vagar buscando unha saída. Porén, a historia repetirase mentres o que é Primeiro Mundo viva de costas a tanta inxustiza.

Móvaos o que os mova, parabéns aos gobernos que se colocaren ao lado da vida. Ninguén debera esquecer que só é vida a que se comparte.

De novo Epulón
Comentarios