martes. 18.01.2022 |
El tiempo
martes. 18.01.2022
El tiempo

Estupidez e idade

DESCOÑEZO A idade dos policías municipais que, ademais de lle desexar nun chat unha morte dolorosa á alcaldesa de Madrid, insultárona chamándolle "vejestorio". Descoñezo a idade cronolóxica destes elementos, mais a mental evidénciase nos seus comentarios.

Se se tratar de adolescentes, sería máis doado desculpalos, sobre todo porque aínda andan a aprender a vida e a maioría descoñecen o sufrimento que lle desexan ao próximo: non teñen capacidade de empatía. Á fin non deixa de ser unha prolongación da crueldade infantil, esa crueldade cuxa orixe se poden repartir a partes iguais a falta de educación, o exemplo negativo da sociedade e a maldade natural non controlada.

O culto á xuventude está dando uns resultados tanto máis perigosos canto máis envellece a poboación. A escaseza de nacementos converte a xente nova en embigo do mundo. Todos os dereitos lles son concedidos e de deberes fálaselles pouco.

Secasí, estes son adultos e, por riba, axentes da orde pública, o que implica un maior grao de esixencia no seu comportamento. Tampouco sei se entre eles hai algunha muller, cousa que non sería de importancia menor.

Porque sucede que Manuela Carmena non é home e iso, para os ídem cavernícolas e as que asumen o seu discurso, é unha gran eiva. Como o é ser inmigrante, pobre, ou de pel diferente; que tampouco eses colectivos entran nas querenzas dos tales gardas.

Non vou ser orixinal se digo que a idade é unha doenza curábel, agás que se lle adiante a morte. Porén, a estupidez ten mal prognóstico.

Poñamos que se trataba dunha brincadeira desapropiada. Aínda así, non deixa de ser grave. O que se verbaliza, se non existía, comeza a existir e crear opinión. Acontece como cos chistes xenófobos, homófobos ou machistas, parte do corpus da marxinación que vai impregnando as mentes de quen non accede a outros textos.

Por iso alguén lle terá que poñer couto a este tipo de comentarios. Non abonda con que se produzan en espazos restrinxidos. Os que iso invocan, o carácter privado das mensaxes, recórdanme aos torturadores domésticos que se defenden obxectando que ninguén se ten que inmiscir na intimidade da súa casa.

Mañá [polo sábado] celébrase o Día Internacional contra a Violencia de xénero. As noticias do maltrato seguirán voltexando ao noso arredor cada día como bolboretas negras. Nada mudará mentres non se ataque o mal desde a raíz. A raíz, ben se sabe, son eses chamados micromachismos que, á hora da verdade, de micro non teñen nada. Chamarlles así equivale a valorar as sementes polo seu tamaño. Nada é pequeno se leva en si a potencia de medrar. Un fósforo é un ninguén, mais non o acheguen a un bidón de gasolina.
 

Estupidez e idade
Comentarios