martes. 07.12.2021 |
El tiempo
martes. 07.12.2021
El tiempo

Falando con corvos

CÚMPRENSE HOXE 209 anos do nacemento de Edgar Allan Poe. É un dos autores universais que lin primeiro. Non toda a obra, obviamente, senón unha serie de relatos en que o terror se facía sentir a xeito de calafríos e cabelo irto. Aquel de O pozo e o péndulo, por exemplo.

É maxistral a narración da tortura física e psicolóxica á que é sometido o protagonista que, en primeira persoa, describe o xeito en que a Inquisición pretende executar nel a derradeira pena. Acontece en Toledo, a rentes da invasión napoleónica. Cantos terrores nocturnos lle debo á coitela pendurada do péndulo, que oscilaba cadora máis cerca do reo deixándolle como única saída un pozo fondísimo ou, salvado este perigo, ás paredes ao roxo vivo que se ían estreitando co propósito de queimalo ou dar con el no abismo.

Moitos anos máis tarde lin a tradución ao español que Julio Cortázar fixo do poema O Corvo (The Raven), un dos que teñen máis sona da lingua inglesa. É narrativo e coherente co universo de Poe: sentimentos e momentos extremos, onde o misterio, a loucura ou a irrealidade se amalgaman. A voz poética —non ten por que ser o autor— recorda a Eleonora, a súa amada perdida, e é visitado por un corvo que nunca o deixa e repite como unha xaculatoria: Nunca máis. É de 1845 e a súa dona morreu en 1847, perda que agudizaría a adicción que o matou en 1849.

Diante da polisemia de O Corvo (loucura, depresión, morte, irreversibilidade do tempo, ...), mesmo tratándose de poemas ben diferentes na forma, é difícil non evocar Negra Sombra de Rosalía de Castro quen, por certo, admiraba a Poe.

Ninguén que coñeza a personalidade de Rosalía pode pensar que o amentado texto é unha impostura na que a voz poética non coincide coa voz narradora. A negra sombra, en Rosalía, tiña nome. O corvo do autor bostoniano, existira ou non a tal Leonora, seguro que tamén tiña nome. Trátase dun autor cuxa vida se aproxima bastante á propia obra.

Sábese que Edgar Allan Poe era alcohólico e drogadicto. Mesmo se lle chegou a atribuír ao delirium tremens a viveza dos terrores que describiu. Non foi ese o seu caso. Nalgures lin que os grandes autores que procuraron inspiración no alcohol ou noutras drogas, escribiron o que escribiron, non por efecto das tales substancias, senón a pesar delas.

Seica Poe usaba o alcohol como lenitivo á súa anguria e á súa tristeza. Daquela non se sabía da serotonina e os seus efectos sobre o estado de ánimo, así que buscaba un remedio que agudizaba a doenza. Malia todo, é un clásico e segue vivo.

Quen non falou algunha vez con corvos? Quen non buscou unha metáfora para a propia dor e os propios medos?

Falando con corvos
Comentarios