martes. 10.12.2019 |
El tiempo
martes. 10.12.2019
El tiempo

Honradez intelectual, por favor

HAI COUSAS que soamente se poden comparar aos esperpentos de Valle Inclán, por exemplo a Las galas del difunto. Neste caso, serían as galas da defunta, Rosalía de Castro, de cuxo nacemento é o 182 aniversario pasadomañá.

A obra da máis insigne das galegas, dunha das mellores escritoras do XIX europeo e aínda mundial, foi vítima de lecturas e interpretacións terxiversadas, fillas do prexuízo ou da manipulación máis ou menos conscientes. A chorona, a que, por ser muller, non estaba á altura dos acontecementos da súa época e foi algo así coma un milagre do azar, a mancada pola síndrome de Polícrates, que lle facía ventar a desgraza tras cada acontecemento feliz, a tola, a santiña, a nena abandonada pola nai..., en fin, un produto biolóxico fillo dunha psique mancada polas súas circunstancias vitais.

Poucos, moi poucos, souberon ler a súa obra, deconstruír a herdanza recibida, chea de tópicos interesados, e procurar na fonte máis limpa o enigma da súa vida.

O centenario do seu pasamento, 1985, marca un antes e un despois nos estudos rosalianos. A celebración dun Congreso internacional por parte da Universidade de Santiago de Compostela, presidido polo gran estudoso de Rosalía, Carballo Calero; o número 2 da revista Festa da palabra silenciada ou as actas do devandito congreso, serviron para achegarnos o verdadeiro rostro da nosa autora.

No 1988 saíu do prelo a tese de doutoramento do profesor Francisco Rodríguez, baixo o título Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. Ao que seguiu Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe) en 2011.

Andrés Pociña e Aurora López, autores da máis exhaustiva bibliografía rosaliana, publican en 2000 Rosalía de Castro: Estudios sobre a vida e a obra, onde aparece documentación inédita até ese momento, que desmonta teses dalgún preboste que nunca rectificou.

Non sería ético esquecer autoras que fixeron camiño como Teresa Barro, Carme Blanco ou Pilar Pallarés. E outras das que, a título de exemplo, cito unha obra: Catherine Davies (Rosalía de Castro no seu tempo. 1987), Kathleen March (De musa a literata: El feminismo en la obra de Rosalía de Castro. 1991), María Pilar García Negro (O clamor da rebeldía. Rosalía de Castro: Ensaio e feminismo. 2010).

Por que falo de esperpento? Porque, coa maior falta de honradez intelectual, hai quen anda a ofrecer como absolutas novidades cousas que non o son. Vaia, que corren tolas tras as galas da defunta e das defuntas que, por fortuna, están moi vivas.

Hai un Olimpo académico que descobre mares xa descubertos e sucados: Rosalía nunca estaría nel.

Honradez intelectual, por favor
Comentarios