Opinión

Na tristeza do vento

"FÚCHESTE NON sei a onde. Nin os cumes nin as aves che saben os pasos. Voaches sen dicir nada, deixándonos só o canto do teu riso. Non sei onde estás, Margalida, pero o cantar chégache, acéptao coma un beixo. Berra o nome do teu amante, bandeira negra no corazón. E talvez non has saber que o seu corpo miúdo nos medra nas veas ao ler o seu xesto escrito por paredes que choran a historia. Que con esta canción renaza o seu berro por campos, mares e bosques e que sexa o seu nome como a sombra fiel que é nosa a todas horas".

A canción, A Margalida, que traducín sen marcar os versos, está composta por Joan Isaac. Pon pel de galiña escoitala porque Margalida era a compañeira de Salvador Puig Antich, o mozo anarquista executado mediante garrote vil, hai hoxe exactamente corenta e catro anos. Foi o derradeiro axustizado (?) de tan cruel e degradante xeito. Camilo J. Cela, a quen Deus descanse, tivo o mal gusto de pedir o instrumento que matou ao anarquista catalán para a súa fundación en Iria Flavia. E mandáronllo. Mais, debido ás numerosas protestas, coido que foi retirado da vista de quen visitar a Casa dos Cóengos.

De vivir, Salvador cumpriría o 30 de maio setenta anos. Porén non chegou a facer os vinte e seis. Nun enfrontamento coas forzas públicas, provocou a morte dun policía ao disparar a pistola para fuxir. O episodio semella bastante escuro porque, ao parecer, o anarquista só posuía tres balas e o policía, segundo testemuño dun médico, estaba "cosido a tiros".

Sexa como for, loitaba polo remate da ditadura fascista, concienciado sobre todo pola morte, en 1969, do estudante Enrique Ruano na Dirección General de Seguridad. Desviárase no método, mais morreu tal un valente, asumindo o que fixera, como consta nunha carta que lle enviaba ao seu irmán Quim, psiquiatra nos Estados Unidos, vinte e catro horas antes de que o matasen, interceptada pola policía igual que as dirixidas á moza e á familia: "Eu rompín con todo e acepto as miñas responsabilidades (...) todo o que podería dicirche vai no interior destas liñas e na tristeza do vento".

Tampouco o axente de policía, Francisco Anguas, cumpriu os vinte e cinco nin casou coa moza a quen estaba prometido, cuxo nome ignoro, entre outras cousas porque ninguén lle dedicou unha canción. Secasí, a dor da perda sempre se asemella.

Próximo o 8 de marzo, nela e en Margalida, quero render homenaxe a todas as mulleres asasinadas, porque é tamén un xeito de morrer vivir con toda a morte violenta da persoa amada na memoria.

E quero reprobar con forza a funcionaria que, porque alguén pedía ser atendida en galego, clamou polo regreso de Franco, é dicir, pola ditadura.

Comentarios