jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

Os sumidoiros do tempo

FALTAN EXACTAMENTE vinte e tres días para que o ano 2017 caia coa derradeira folla do seu calendario. Ese xeito de empaquetar as horas en lotes de 24, distribuídos á súa vez noutros de 365 (366 se o ano é bisesto), non deixa de ser a teima de domesticar o tempo, de poñelo baixo control. Porén, esa dimensión que o modelo matemático fai inseparábel do espazo, pérdese polos seus propios sumidoiros e, a verdade, todo fai pensar que o espazo fica aquí, menos habitábel, magoado polas feridas que nós lle infliximos.

Sei moi pouco de matemáticas e, se as traio ao artigo é porque me axudan a argumentar, mais son consciente de que a cousa non vai por aí. Pido, xa que logo, desculpas aos conspicuos matemáticos e continúo coa que non pretende ser nada alén dunha reflexión existencial.

Falo dos sumidoiros do tempo porque, como as augas que non se reciclan, desaparecen para sempre da nosa ollada. Temos a ilusión de retelo co uso e abuso dos selfies e, de todos os xeitos, non conseguimos moito máis que aqueles tataravós que adiviñamos nos daguerrotipos. Máis nítidas e polícromas as imaxes, máis espontáneos os momentos, menos graves os xestos atrapados desde o móbil, pero á fin un xogo de luz e sombras nada máis.

Secasí, quereríamos saber a onde foron parar as horas que o reloxo deitou, as que pasaron sobre nós, como un río de lava no seu inexorábel percorrido.

Hai dúas maneiras de enfrontarse á pregunta. Unha: deixarse posuír polo pesimismo do fatal, facer balance de perdas e fracasos, de dores e doenzas, coleccionar sevicias reais ou imaxinarias, declarar horríbilis o ano. A outra é facer todo o contrario: valorar o que foi vida e non morte, recontar canto amor recibimos e puidemos dar, traer á memoria as persoas e os momentos que nos fixeron felices.

A primeira é a menos aconsellábel porque a memoria é como outro sangue, se está envelenado afecta a todos os órganos. A segunda é vida en vea, serotonina benfeitora.

A que é difícil de desbotar é a saudade, ese sentimento de perda que ás veces non ten nome. Ou si. O das persoas que xa están na outra banda do río. A nós nos toca facer que non sexa o do esquecemento.

Aceptar que a existencia está feita de benvidas e de adeuses é talvez o comezo da sabedoría e, por ende, da serenidade. Cómprenos un certo estoicismo nestes tempos en que todo muda e nada é seguro. Dito en termos bíblicos, "bástalle a cada día o seu afán". O paso do tempo e a mesma morte son o prezo da vida e a vida, valla a contradición aparente, non ten prezo.

A vida, esa cousa que hai que encher ben aínda que ao enchela rompa, como dixo Oriana Fallaci no seu libro Nada e así sexa.

Os sumidoiros do tempo
Comentarios