domingo. 15.12.2019 |
El tiempo
domingo. 15.12.2019
El tiempo

Palabras, palabras e palabras

ÁMOVOS E témovos por igual.

Admírovos, proteicas e marabillosas, verdadeiros abracadabras, porque apartades a lousa da ignorancia e abrides a cova onde, como no mito platónico, habitan as ideas.

Sorprendédesme, lizgairas e agudas, a vos espetar na polpa dos pexegos, no samo da madeira. Asómbrame o voso gume afiado a facer a disección da vida, a vencer a resistencia da cerna.

Témovos pola vosa carga letal, porque podedes ser veleno ou balas, instrumentos de tortura ou testemuñas falsas do que houbo e do que non hai.

Sinto mágoa de vós, maltratadas, retorcidas, violadas e violentadas, empregadas para matar e ferir, á marxe da vosa imparcial e pura realidade.

Dóenme o esquecemento, a indiferenza e o desprezo a que vos condenamos mentres lles abrimos a porta a vocábulos chegados de lonxe que veñen coa intención de ocupar a vosa cadeira.

Ao principio fostes vós. As palabras creastes mundos, mais tamén os destruístes. Con vós xeramos opinión. Repetímosvos para facer das mentiras verdades. Enchemos as cabezas baleiras de ideas-forza que nos arrastran ao río do esquecemento, aquel no que afogan as conquistas da humanidade con todo o sangue, suor e bágoas que as regaron.

Velaí o que portan aquelas augas, agora turbas, contaminadas e contaminantes: A igualdade de todos os seres humanos, homes e mulleres, coas abondosas variábeis que a historia e a bioloxía crean, a solidariedade, a liberdade, a conquista do pensamento diverso fronte ao pensamento único, os valores ecoloxistas por riba dos económicos, a compaixón, o amor que debe ser o motor do mundo.

Feminismo e machismo, lévase repetido até a saciedade, non son as dúas caras da mesma moeda. Machismo é delito, desigualdade, maltrato. Feminismo é trato xusto, igualdade. Malia todo, hai quen pretende que entendamos outra cousa para que nada cambie ou, peor aínda, para que retrocedamos.

Quen se move por consignas e mentiras repetidas até convertelas en axiomas, condénavos ao veleno letal do totalitarismo, á imposibilidade do razoamento dialéctico ("os inmigrantes veñen a delinquir ou a quitarnos o posto de traballo", "hai moitas denuncias falsas por parte das mulleres", "o cambio climático é un invento", etc.) porque os axiomas, como tales, non precisan demostración.

Esta prostitución da linguaxe explica, xunto co descontento pola falta de horizontes, o triunfo de certas formacións políticas, as que adoitan buscar o chibo expiatorio nas persoas diferentes

Antídoto? Namorarse das que sodes palabras-talismán, as que atraedes o positivo da existencia: verdade, irmandade, pacifismo e outras moitas que, non por casualidade, resultades sospeitosas.

Palabras, palabras e palabras
Comentarios