Miércoles. 12.12.2018 |
El tiempo
Miércoles. 12.12.2018
El tiempo

Pan ou estampiñas?

NON É UN alcalde calquera, é o presidente da FEMP (Federación Española de Municipios y Provincias), un modelo ben visíbel porque está no máis alto do podio en relación cos homes e mulleres que presiden corporacións municipais. Empeñouse o home en ser o que a ten máis grande (a iluminación de Nadal, claro). Madrid e Barcelona (el, tan patriota español) «se nos quedan pequeñitos», declarou cando, nun discurso delirante, anunciou a instalación de nove millóns de lámpadas LED. Por iso o reto tácito a superar tanta luminaria ía dirixido aos alcaldes de Tokio, Londres, Nova York , Berlín ou á alcaldesa de París.

O pasado sábado, xa na inauguración das luces, conseguiu superarse a si mesmo. En galego non, «que nos queda pequeñito», en castelán ben trufado co noso acento e na excelsa compañía dun inglés que non cualificarei, entre outras razóns, porque eu non o falo e sigo a máxima de non criticar o que non poida facer mellor. Debería tamén ter citado "la grandeur de la France" como de Gaulle, tempo hai, ou como Macron nos nosos días, por suposto que substituíndo a nación veciña por Vigo. Porén semella ser máis devoto do mundo anglosaxón.

Aforraría todo o anterior cun adxectivo: megalómano; máis non lle quero faltar a ninguén.

Hai un refrán ben coñecido, tanto na súa versión española como na galega, que define sen rodeos a actuación do alcalde: «Non temos para pan e mercamos estampiñas». Hai xente pasando necesidades, durmindo nos caixeiros e bebendo bágoas de impotencia; pero quen se di socialista coida que todo se arranxa coa súa política iluminada.

Non faltará quen vexa nas miñas palabras curtidade de miras. E si, será que me cega a intensa luz como na canción do príncipe Igor, "Estraño no paraíso" da que, por certo, non coñezo versión galega.

Hai antecedentes gloriosos nisto de desbaldir os cartos públicos. Sempre recordo que tiveron que pasar anos para que se recoñecese o disparate da Cidade da Cultura. Mesmo houbo medios que se arrogaron o feito de seren os primeiros en denuncialo cando, na realidade, non fixeron outra cousa que sangue na persoa da entón deputada, María Pilar García Negro, cando manifestou a oposición do BNG a un proxecto que hipotecaba por moitos anos o orzamento de cultura.

Pregúntome se, ademais de se reflectir nas urnas, estas barbaridades non terían que se explicar perante un tribunal de xustiza. Non faltarán papaleisóns que babexen como neniños diante dun escaparate de xoguetes, a se considerar afortunados habitantes do País das Marabillas. Porén, quen vexa un milímetro alén do propio nariz, terá que se indignar.

Ou é que a economía de Vigo só se move con bombas de palenque?

Pan ou estampiñas?
Comentarios