Opinión

Positividade e negativismo

 

ANDO MOI lonxe dese mundo que se chama ocultismo, sobre todo porque me semella escuro, como o seu nome xa suxire. Eu tiro máis para a luz. Onde hai luz é moito máis difícil que se xunte sucidade e que proliferen organismos repugnantes como os vermes e outra bicharía.

Secasí, respecto todos os xeitos de pensar que non sexan lesivos para os demais seres humanos. Vicente Risco, investigador destas crenzas,tiroulles bo proveito literario, mesmo acudindo ao humor como na narración Do caso que lle aconteceu ó Dr. Alveiros. Valle Inclán declara a súa obra La lámpara maravillosa debedora, na estética, das teorías ocultistas. Outro autor galego, xa falecido, do que omito o nome porque non se trata de algo que deixase escrito, acudía con certa frecuencia a unha médium de Santander para se comunicar con autores mortos. Nunha das ocasións, quedou plenamente convencido de ter falado co devandito escritor arousán. A muller reproducía as súas respostas co ceceo que o caracterizaba. Ánxel Fole atopou tamén, neste senso, unha veta coa que alimentou o seu transmundo. E poderiamos continuar con abondosos exemplos de aquí e de aló.

Despois da miña xustificación inicial, vou botar man dun concepto propio do esoterismo porque, aínda con todas as cautelas, coido que serve para expresar a que considero unha gran verdade. Refírome ao "egrégor".

A palabra, de orixe grega, significa "velar". Tamén está ligada ao ámbito masónico. Denominaría un ente externo, creado pola imaxinación, os sentimentos e as enerxías de dúas ou máis persoas que se reúnen cunha mesma fin. Aí entrarían desde os egrégore xerados en clubs de fútbol, até congregacións relixiosas, manifestacións artísticas ou movementos sociais. Estes entes serían, xa que logo, creación nosa. Os pensamentos, sentimentos e forzas positivas, darían en egrégores positivos e a súa atmosfera rodearíanos. Pola contra, os pensamentos, sentimentos e forzas negativos crearían egrégores tamén negativos. Así sería a atmosfera en que nos moveríamos. Para isto cadra ben o adaxio de que nos cocemos no propio caldo.

Segundo o anterior, cando se propón acender velas ou outro tipo de accións colectivas por unha boa causa, produciríamos un egrégor benéfico. O terrorismo e todo tipo de violencia terían a mesma orixe, mais en negativo.

​Non é preciso poñerlle ese nome aos pensamentos, sentimentos e accións positivas ou aos seus contrarios, os negativismos. Trátase de non crear, sexan externos ou non, (porque existir existen) elementos que se boten a nós, coma cans feros. É cousa de rodearnos de ar limpo e auga clara, de amor e vida. Sexa iso o 2018.

Comentarios