miércoles. 22.09.2021 |
El tiempo
miércoles. 22.09.2021
El tiempo

Actualidade do medo

NO CASO que vivimos en relación coa epidemia do coroavirus, xa convertida en global por unha ampla maioría dos medios de comunicación, agroman tamén as alarmas inmediatas e conseguintemente o medo e mesmo o arrepío. Que existe unha certa gravidade sanitaria ao respecto, partíndomos xa da propia China como primeiro país afectado, resulta máis que evidente. E iso debe ser contemplado como tal e tratado, tamén no plano informativo, de xeito racional e científico. Leo na prensa italiana ao xeopolitólogo Manlio Dinucci e coincido na estimación de que existe unha certa esaxeración da perigosidade do coroavirus en comparación con outras enfermidades. Segundo datos da OMS, as epidemias de carácter anual da gripe estacional (infección vírica aguda) chegan a causar máis de 600.000 mortes no mundo e no que vai de ano, e só en Galicia, o número de persoas falecidas por mor da gripe supera xa as 50.

En realidade, recoñecendo a importancia do coroavirus en si mesmo, asistimos, principalmente a través das televisións, en toda Europa, a un acendido vermello de todas as alarmas. E o virus do medo, e en certa maneira do pánico, entra en todas as casas, ocupa todos os fogares. Como ben lembra Manlio Dinucci, a directora de Macrobioloxía Clínica, Viroloxía e Diagnóstico de Bio-emerxencia do laboratorio do hospital Sacco de Milán, María Rita Gismondo, afirma ben ás claras que se está a transformar unha infección apenas máis grave do que é unha gripe nunha ‘pandemia letal’. E, mirando os números, claro está, non estamos diante dunha pandemia.

O certo é que, dadas as circunstancias, pódese afirmar que unha nova pantasma percorre o mundo: o medo. Xa nos avisara o filósofo francés Jacques Derrida en 2003 de que a sociedade entraba nun período de tempo caracterizado pola creación, cando conviñer, dun xeito de ‘terror absoluto’, mobilizado en tempo real, sobre todo, polas canles de televisión. E así está a ser. E alguén, vexan vostedes, o está a suxestionar ou decretar. A pobreza infantil no Reino de España (2,2 millóns de menores) ou o número de mortos en accidentes laborais (652 en 2018) non provocan alarma ningunha. Mais o medo e a súa globalización, cando interesa, a través dunha xestión mediática particular, está á orde do día. E ben se sabe que o medo é un poderoso controlador social. E tamén pode ser un verme destinado a ‘consumir’, a carcomer a democracia.

Actualidade do medo
Comentarios