domingo. 17.10.2021 |
El tiempo
domingo. 17.10.2021
El tiempo

Castelao en Madrid

A PRIMEIRA viaxe que Castelao realiza a Madrid ten lugar en 1909, un ano despois de que Eduardo Dieste presentara por iniciativa propia unha serie de acuarelas do artista rianxeiro no II Salón Nacional de Humoristas de Madrid. Tiña Castelao naquela altura 22 anos. E a súa obra obtivo un grande éxito. De tal xeito que participa na III edición do Salón, esta vez cunha colección de obras que compoñen unha serie de ‘caricaturas de aldea’.

En Madrid Castelao entra en contacto cos galegos, alí residentes, Montero Mejuto, Lustres Rivas e Javier Valcarce, entre outros, e frecuenta tertulias literarias, visita o Ateneo, achégase ao Centro Galego e cultiva, especialmente, a amizade con Sánchez Cantón, quen, máis adiante, pagaría do seu peto a publicación do Álbum Nós.

Castelao volvería visitar Madrid en varias ocasións, en 1912 e 1915 —xa fixera alí tamén anteriormente estudos para o curso de doutorado en Medicina—, e en 1931, primeiro, e en 1936, por segunda vez, o noso artista, cómpre lembralo, foi elixido deputado en Cortes.

En Madrid Castelao entra en contacto cos galegos, alí residentes, Montero Mejuto, Lustres Rivas e Javier Valcarce, entre outros


E velaquí: 110 anos despois da primeira exposición de Castelao en Madrid volve o noso artista ocupar sala, esta vez por todo o alto, na capital española, ficando atrás aquel Madrid de comezos do século XX e décadas posteriores que estivo unido a el en diversas etapas da súa vida e non con pouca importancia.

Hoxe, na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, pódese admirar, baixo o título ‘Castelao grafista. Pinturas, dibujos, estampas’, unha magnífica exposición que ofrece ao público, ademais dalgunhas das súas mellores obras pictóricas, un excelente fondo de deseños, cartaces, estampas, ilustracións e debuxos varios que compoñen o gran legado artístico do Castelao ‘grafista’, eido este no que o rianxeiro brillou con máxima luz. Miguel Fernández-Cid, comisario da mostra, foi quen de reunir case 200 obras — todo un espectáculo visual— que dan fe do compromiso estético e plástico do gran artista galego, mais que tamén proxectan o compromiso ético, social e político de quen foi, e segue a ser tal vez, o máis luminoso dos políticos galegos do século XX.

Sánchez Cantón, alí mesmo, na Academia de Bellas Artes, pronunciara (1950) un discurso fúnebre na hora da morte de Castelao, pois deixaba «obras imperecederas y es el mejor prosista en gallego de nuestro tiempo». Madrid estaba, e segue a estar, en débeda con Castelao.

Castelao en Madrid
Comentarios